En Marea solicita que a Xunta de Galicia impulse auditorías ambientais en toda a Administración Pública Autonómica, organismos autónomos, entes públicos e organismos adscritos

Luís Villares anunciou a batería de medidas que defenderá no vindeiro pleno para atender as emerxencias que padece Galicia, a feminista, a climática e a social.
Publicado por o día 06/11/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea solicita que a Xunta de Galicia impulse auditorías ambientais en toda a Administración Pública Autonómica, organismos autónomos, entes públicos e organismos adscritos

O voceiro de En Marea, Luís Villares, compareceu ante os medios ao finalizar a Xunta de Voceiros do Parlamento e Galego e comezou a súa intervención condenando o novo crime machista ocorrido en Foz e amosou a súa solidariedade coa familia e as amizades da vítima.

A continuación calificou como “circo televisivo” o debate electoral, no que houbo unha “sucesión de promesas incumpridas, tanto da dereita como da esquerda” que levan a pensar que a historia vai repetirse, pois “non hai razón para pensar que despois do 10N isto vai ser diferente”.

Villares culpou ás forzas progresistas deste escenario de repetición electoral, algo que nin tan sequera son capaces de recoñecer: “foron incapaces de calmar o cabreo do electorado progresista. Estou moi decepcionado, porque pensei que aproveitarían a oportunidade para rectificar e mandar unha mensaxe de esperanza e non foi así. O que vimos o anuncio dun previsible novo bloqueo pola banda esquerda”.

Continuando co debate non dubidou en sinalar que polo bloque da dereita o principal beneficiado foi VOX, que “grazas á repetición electoral regalada por PSOE e Podemos puido lucir en prime time o seu discurso machista, xenófobo e antiautonomista, é dicir, antigalego”.  Segundo o voceiro son os silencios cómplices das outras forzas da dereita as que branquean un discurso fascista: “é lamentable que ninguén lle parase os pés a Abascal cando dixo que a Lei contra a violencia de xénero non protexía as mulleres (73 asasinadas en 2003; 50 o ano pasasdo) ante a emerxencia feminista que estamos a vivir”.

Ante outras das grandes emerxencias ás que nos enfrontamos como sociedade botou de menos que “ninguén se ocupase valentemente de facer propostas de cambio de modelo industrial e enerxético fronte a emerxencia climática que estamos a vivir”; e que as esquerdas enfocasen o debate na emerxencia social, defendendo “unha tributación xusta que non beneficie aos ricos”. Por último, no tocante o debate, vaticinou un futuro novamente de bloqueo e anunciou que nese caso volverían a presentarse as eleccións para “poñer sentidiño na política española”.

SOBRE OS DATOS DO PARO

Luís Villares lembrou a presión que exerceu o Partido Socialista para que o debate fose onte e non hoxe, para que os datos do paro publicados hoxe non estiveran presentes. A realidade é que o paro sobe en España un 3,2% e en Galicia un 4,66%, unha subida un 50% superior á media española.

Os datos tamén amosan un aumento da afiliación á seguridade social “grazas á ditadura da precariedade instaurada tras as reformas laborais de PP e PSOE, que permite que o sector de educación poda despedir ao profesorado durante o verán e contratalo de novo en outubro, igual que se fai nas grandes superficies cos repoñedores e repoñedoras contratados pola semana e despedidos a fin de semana.

A ditadura da precariedade pactada entre PP e PSOE castiga ao noso profesorado e ao resto dos sectores nos que é posible unha contratación que ten carácter fraudulento, aínda que este recollida na reforma laboral e no Estatuto dos Traballadores. Mentres isto pasa: “Feijóo deixou sen gastar entre 2011 e 2018 945 millóns de euros en políticas de emprego. A única fábrica que funciona ben na Galicia de Feijoo é a fábrica do paro”.

Nesta liña anunciou que En Marea non vai ver para outro lado e anunciou unha batería de medidas que defenderán no Pleno do Parlamento a vindeira semana e que van a poñer ao presidente da Xunta de Galicia “fronte ao espello”.

O voceiro comezou anunciando pola pregunta que realizará En Marea sobre a rebaixa fiscal aos ricos que orzamenta a Xunta de Galicia e co abandono desta ás políticas activas de emprego: “Coa subida do paro de hoxe, a Feijoo sóbranlle os cartos, para andar regalándollelos aos ricos, cando non damos atendido aos pacientes, cando andamos pechando escolas, cando os nosos maiores non teñen residencias,  cando os nosos nenos non teñen garderías, e cando os nosos mozos e mozas emigran por falta de traballo? De verdade hai que roubarlles a nenas, mozas, e maiores para dárllelos aos ricos?

Tamén, na mesma liña, anunciou que o seu grupo defenderá unha moción para “amosarlle o camiño a Feijóo, visto que non sabe onde gastar os cartos” e atender dunha vez as prioridades de Galicia, a emerxencia social e a feminista.

Villares tamén anunciou que o tema central de En Marea no debate será a Proposición de Lei de Reforma da Lei do Goberno de España, para que o goberno en funcións poda acordar as disposicións normativas precisas para asegurar o financiamento normal das institucións autonómicas porque “Galicia non pode ver ameazadas a sanidade, a educación ou a dependencia porque Psoe e Podemos agora, ou antes o PP, non cheguen a acordos para gobernar. Queremos poñer a PP e PSOE fronte o espello en materia de financiamento da Comunidade autónoma en momentos de interinidade. Non queremos que se chantaxee á poboación como fixeron primeiro o PP e logo o PSOE nos momentos de goberno en funcións. Queremos asegurar o financiamento normal das comunidades autónomas en tempos de crise política, que cada vez é máis frecuente en España”.

Por último e,”a diferenza do que aconteceu onte no debate a circo, onde a emerxencia climática xa pasou de moda”, En Marea volverá a insistirá na necesidade de compromiso ambiental: “traeremos a debate a proposta sobre a realización polo Goberno galego de auditorías ambientais en toda a Administración pública autonómica, organismos autónomos, entes públicos e organismos adscritos, así como a verificación do grao de cumprimento do Regulamento europeo 1221/2009 e da Decisión 2019/61”.