En Marea solicitará mañá ao comezo do pleno que se inclúa o debate sobre a Valedora do Pobo na orde do día

O grupo parlamentario considera de especial relevancia e urxencia tratar o relevo de Milagros Otero tras confirmarse que actuou con abuso de poder
Publicado por o día 08/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea solicitará mañá ao comezo do pleno  que se inclúa o debate sobre a Valedora do Pobo na orde do día

Mañá, ao comezo da sesión plenaria ordinaria no Parlamento de Galicia, o voceiro de En Marea Luís Villares demandaralle ao presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices,  a inclusión na orde do día do debate sobre o relevo da Valedora do Pobo, Milagros Otero. En Marea consideraque “a actuación da Valedora vulnera claramente as súas obrigas e incapacítaa para poder seguir á fronte da institución”, logo de coñerse a través dunha sentenza firme do Tribunal Supremo que actuou con abuso de poder e nepotismo ao colocar nunha praza pública a unha irmá do voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy.

A iniciativa, que recolle a petición de “debater e votar a proposta de cese da Valedora do Pobo en aplicación do suposto contemplado na Lei do Valedor (artigo 5.1.4 a causa), por notorio incumprimento das obrigacións e deberes do seu cargo” xa foi rexistrada por a semana pasada. Milagros Otero non formalizou por inciativa propia a súa renuncia inmediata, limitándose a poñer o seu cargo a disposición dos grupos parlamentarios, retocando a súa carta de renuncia inicial para permanecer no cargo de xeito indefinido o maior tempo posible. Para En Marea o debate debe afrontarse canto antes para que todos os grupos parlamentarios se posicionen.

“Queremos que o PP se retrate e diga se está de lado daqueles que practican o nepotismo e o enchufismo na Administración pública, ou pola contra está disposto a defender os intereses dunha sociedade democrática”, sinalou o voceiro de En Marea Luís Villares, que esixirá de novo ao presidente da Xunta no pleno a renuncia inmediata da Valedora.