En Marea subliña que serán as persoas inscritas as que decidan como será a concorrencia da formación ás eleccións europeas

EM, tralas informacións aparecidas onte da candidatura de Podemos, aclara que o espazo do cambio aposta pola democracia radical e o poder das súas bases que son as que teñen sempre a última palabra e as que decidirán sobre a concorrencia ás eleccións europeas
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea subliña que serán as persoas inscritas as que decidan como será a concorrencia da formación ás eleccións europeas

Ante as informacións aparecidas onte da candidatura de Podemos encabezada por Pablo Bustinduy e na que xa aparecen outros nomes como Idoia Villanueva ou Miguel Urbán, a coordinadora de En Marea manifesta o seguinte:

– En Marea aposta pola democracia radical e o poder das súas bases. Por iso, un dos temas do plenario do 27 de outubro, que xa se tratou previamente nos encontros provinciais, é o da concorrencia ás eleccións europeas. A tese oficial aposta pola alianza con outras forzas pero serán as bases as que decidan, en última instancia sobre a convenencia duns ou outros socios.

– En Marea é un espazo soberano, un partido instrumental, tal e como se aprobou no plenario de Vigo, e non naceu para ser un mero expectador ante os intereses de parte doutras forzas, senón para decidir, mediante os órganos dos que está dotada, o seu propio destino.

– O máximo órgano de dirección de En Marea é o seu plenario, e é aí onde deben tomarse as decisións relevantes e non en mesas camilla ou xuntanzas de cúpulas.

– Non houbo ningunha reunión de En Marea cos actores do Grupo Confederal das cortes españolas na que se tratase este tema pois o Consello das Mareas non está mandatado, polo momento, polas bases para levar a cabo este tipo de negociacións.