En Marea tilda de violencia institucional contra as mulleres a decisión de suprimir o servizo de paritorio no Hospital de Verín

A decisión de pechar o paritorio do Hospital Comarcal de Verín forzará a partir de agora a todas as mulleres da comarca a dar a luz en Ourense.
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea tilda de violencia institucional contra as mulleres a decisión de suprimir o servizo de paritorio no Hospital de Verín

A decisión de pechar o paritorio do Hospital Comarcal de Verín forzará a partir de agora a todas as mulleres da comarca a dar a luz en Ourense, incrementando un risco para a súa saúde, vida e integrade, e máis a do bebé, de forma innecesaria.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, censurou esta mañá que o goberno de Feijóo teña decidido suprimir o servizo de paritorio no Hospital Comarcal de Verín: “isto supón que unha persoa que rompa augas teña que percorrer unha distancia de hora e media ata parir no Hospital Provincial de Ourense, xerando riscos para a súa saúde e a dos bebés, xerando o risco de partos non desexados na autovía, nos coches, sen atención sanitaria”.

Villares lembrou que estas decisións de recortar os servizos sanitarios  son aumentan a taxa de mortalidade pero que esta en particular é aínda máis irresponsable, xa que “non só mata á poboación xeral, como se investiga penalmente a Félix Ruibal, senón que incrementa o risco de morte ás mulleres e aos seus bebés na comarca de Verín. Ademais un acto máis de estrangulamento do medio rural, deixándoo baleiro de servizos esenciais, como de asistencia ao parto. Isto é inaceptable”.

Ademais o voceiro lembrou que esta decisión de pechar servizos básicos chega en plena baixada de impostos aos máis ricos subliñando que poderían manterse se o executivo de Núñez Feijóo non fixera “agasallos” e atendera de xeito prioritario as necesidades básicas da poboación.

Ante esta realidade En Marea esixe a dimisión inmediata de Félix Ruibal como xerente da OXI de Ourense, por tanto principal responsable desta decisión, que a Consellería de Sanidade revogue a decisión, mantendo o servizo de paritorio e repoñendo os de pediatría minguados e que o Conselleiro acuda ao Parlamento Galego para dar explicacións dun acto de violencia institucional contra as mulleres.

Tamén en materia sanitaria anunciou que En Marea apoiará as folgas convocadas en atención primaria para os días 26 e 27 de setembro para denunciar e corrixir a precariedade e a escaseza de persoal nun servizo elemental da atención sanitaria e onde, en moitos casos, hai máis de 60 pacientes por consulta.

Esta folga vén sumarse a unha previa que fóra desconvocada in extremis pola negociación co Sergas por parte de sindicatos e SOS Sanidade e na que a Consellería enganou aos profesionais cun plan moi moi xenérico e que non se está desenvolvendo: “O plan pode ter algunha tacha, pero sería desexable en moitos puntos. O que se pide é concreción, orzamento e dignidade para atender ás persoas”.

En canto a situación do Blue Star encaiado na Ría de Ares, En Marea puxo o foco da responsabilidade no presidente da Xunta de Galicia, co matiz de que “a transferencia da competencia non vai mudar substancialmente a forma de abordar un sinistro se Feijóo é presidente”. O voceiro solicitou tres accións prioritarias para evitar máis complicacións: “que armadora asuma os custes dos traballos de rescate ata o momento, que se investiguen as causas do varamento e que se baleire de combustible antes de ser desvarado polos técnicos holandeses”.

En Marea lembrou que hai plans de salvamento aprobado, hai máis medios e houbo un cambio substancial da normativa europea: “o fundamental é que a Administración vixíe para evitar riscos ambientais: Que o plan de rescate que presente a compañía sexa viable e seguro”.

SOBRE A PLURINACIONALIDADE DO ESTADO.

Por último, Villares recoñeceu como positiva a iniciativa do PSC por medio do seu 1º SX de postular o recoñecemento nacional de Catalunya e o carácter plurinacional de España e emprazou ao seu homólogo galego a facer o mesmo, recoñecendo a Galicia como nación e o carácter plurinacional do Estado: “pensamos que esa idea nacional dentro dun proxecto plurinacional do estado que permita a convivencia cun reforzo do autogoberno é maioritaria dentro da cidadanía de Galicia e achega dende o noso país unha posibilidade de desbloqueo da situación”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.