En Marea traballará para dignificar as condicións das traballadoras do mar

Aposta por reducir o réxime de cotizacións á Seguridade Social, así como a idade de xubilación de mariscadoras e redeiras
Por o 12/04/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea traballará para dignificar as condicións das traballadoras do mar
Compartir en:

En Marea comprométese a traballar para dignificar e mellorar as condicións do conxunto de traballadoras do mar. O voceiro, Luís Villares, e as candidatas ao Congreso e ao Senado por Pontevedra, Iris Malvido e Mari Camiña, visitaron este venres Vilanova xunto a Elena Cores, membro da Coordinadora de En Marea e concelleira nese municipio. Tras conversar no mercado con distintos autónomos e comerciantes, os representantes da formación achegáronse ata o porto para denunciar o recente sablazo imposto polo PSOE ao réxime de cotizacións á Seguridade Social das traballadoras do mar e amosar o seu compromiso con este sector.

“Imos ir a Madrid explicarlle ao resto do estado o que é traballar cos pés na auga. O que é o traballo das mariscadoras, das redeiras, dos bateeiros, das conserveiras. Precisamos ter unha voz forte e digna para reivindicar as demandas do sector do mar no estado”. Son palabras da candidata ao Congreso por Pontevedra de En Marea. Que acompañada por Luís Villares reivindicou dende o peirao de Vilanova condición dignas para as traballadoras do mar.

Pola súa banda, o voceiro volveu incidir no compromiso de En Marea para conseguir “dignificar as condicións de vida das mulleres que traballan no mar. Non estamos de acordo coa suba das cotizacións para estas traballadoras promovida polo PSOE. Pensamos que é necesario diálogo, e evitar un sablazo como o que se produciu, cunha suba de 50 euros inaceptable”, denuncia Villares.

Contra esa decisión unilateral do goberno do estado, En Marea aposta por “buscar a riqueza onde existe. Hai que mellorar as prestacións, pero non cargando sobre os ombros dunhas traballadoras que xa están suficientemente explotadas. Por iso reclamaremos unha baixada no réximen de cotizacións para elas”.

A formación tamén se compromete a reclamar no Congreso coeficientes redutores para a idade de xubilación das redeiras e das mariscadoras. “Existe un coeficiente de penosidade nestas profesións. O traballo no mar é duro, e merece condicións dignas de traballo e de xubilación”, afirma o voceiro de en Marea.

Financiamento para a dependencia

A visita a Vilanova tamén serviu para conversar coas traballadoras da residencia de maiores Valle Inclán. “Acaba de haber unha resolución xudicial que dá a razón ás traballadoras e ás familias desta residencia”, indica Luís Villares, que incide na necesidade de traballar para conseguir “condicións dignas para os nosos maiores”.

En Marea comprométese a reivindicar no Congreso  máis financiamento para un Servizo de Dependencia acorde ás necesidades da avellentada poboación de Galicia, “que precisa máis recursos para poder contar cunha atención digna. E para elo ten que haber un sistema público que se faga cargo de garantila”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.