En Marea traballará para impulsar sanidade, transporte e infraestruturas de calidade en Ponteareas

Luís Villares e Ana Seijas arroupan a presentación da candidatura da Marea local e poñen en valor a capacidade do proxecto que encabeza Montse Vilar para impulsar as políticas que a veciñanza precisa
Por o 07/05/2019 | Sección: En Marea,Galicia,Política,Ponteareas
En Marea traballará para impulsar sanidade, transporte e infraestruturas de calidade en Ponteareas

En Marea traballará para que Ponteareas vexa dunha vez solventada a súa carencia de pediatras e conte cos servizos e as infraestruturas de calidade que precisa. Son os compromisos que a cabeza de lista á alcaldía de En Marea nesa localidade, Montse Vilar, deixou este martes na presentación da candidatura para as próximas eleccións municipais. Un acto no que participaron o voceiro e a vicevoceira da formación, Luís Villares e Ana Seijas, que puxeron en valor o forte músculo do municipalismo e amosáronse convencidos da súa capacidade para saír a gañar.

“O 26 de maio iremos a por todas para conseguir un cambio real para o país. Estamos a pleno rendemento, do lado da xente de Ponteareas e outros municipios, das mareas locais que son o noso músculo”. Así falaba este luns a vicevoceira Ana Seijas; que puxo en valor o municipalismo e a súa capacidade para impulsar políticas ao servizo da cidadanía. “Neste próxima campaña saímos con forza, da man de En Marea Ponteareas e do cento de candidaturas espalladas por todo o país”, asevera Seijas. Que reivindica a forza dunhas mareas locais que case se teñen duplicado nos últimos anos, e que dan mostra do “músculo” e a “forza” de En Marea para seguir impulsando as políticas que a cidadanía demanda.

Tanto a vicevoceira como o voceiro de En Marea destacaron o compromiso da formación co proxecto de En Marea Ponteareas. Un espazo que reivindica a urxencia de conseguir solucións para a elevada perigosidade da N120 ao seu paso por ese termo municipal.  E que aposta por impulsar as medidas precisas para frear o progresivo abandono do rural e mellorar a calidade de vida da poboación local.

“Apostamos por un modelo de país sustentable, pola transparencia, a rexeneración democrática e a xustiza social, atendendo á situación de emerxencia social que outras forzas políticas non teñen escoitado. A aposta de En Marea para as próximas eleccións é polo público, pola remunicipalización de servizos e a desmercantilización de bens públicos. Sabemos que outras forzas apostan pola privatización, e aí atoparanse de fronte con En Marea”, destaca Ana Seijas. Que, ao igual que Luís Villares, puxo o foco na necesidade de “mellorar a calidade de vida das persoas e no compromiso coa creación de espazos públicos amables, cun transporte sustentable e coa tan importante transición ecolóxica e coa igualdade. Esa é a nosa aposta, esta é a nosa forza, a xente como a que integra En Marea Ponteareas, que traballa conxuntamente a nivel local e que sabe mellor que ninguén cales son os verdadeiros problemas da cidadanía”.

O impulso dunha mobilidade máis sustentable e cómoda será, precisamente, outra das iniciativas que a formación impulsará en Ponteareas. Unha localidade que precisa dun autobús intercomarcal con frecuencias axeitadas para que, entre outras cousas, o estudantado de Bacharelato poida acudir ás clases. Ademais, En Marea comprométese tamén a traballar para solventar os problemas de contaminación que afectan ao río Tea, defender os recursos e o patrimonio natural e mellorar a calidade ambiental na localidade.

O voceiro e a vicevoceira de En Marea reivindicaron o vínculo da formación co espazo cidadanista, e comprometeu traballo e apoio para as candidaturas municipais que o 26 de maio representarán ese proxecto “transversal e de aposta pola democracia. O feito de que existan case o dobre de mareas hoxe en Galicia demostra a aposta da xente polo modelo de En Marea. Porque na nosa construción está o cidadanismo e a vontade de entenderse, máis aló de siglas e partidos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.