En Marea traballará para impulsar unha Europa máis xusta, feminista, ecoloxista e centrada nas persoas

A formación chama á participación para que a pesca, a agricultura e a industria galegas, as pensións e os servizos públicos, conten cun futuro garantido
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea traballará para impulsar unha Europa máis xusta, feminista, ecoloxista e centrada nas persoas

En Marea inicia a campaña electoral comprometida coa necesidade de deseñar unha Europa máis xusta e social, que antepoña as necesidades das persoas e na que Galicia conte cunha voz propia capaz de defender as necesidades das galegas e galegos. Feminismo, ecoloxismo, pacifismo, xustiza social e participación cidadá serán os valores compartidos que a coalición na que se integra a candidatura de En Marea se esforzará por priorizar nas institucións europeas a partir do 26 de maio.

“En Europa xogámonos moito, e por iso non podemos deixar en mans de calquera a representación que vaiamos ter a partir do día 26”. Son palabras do voceiro, Luís Villares, que pon en valor todo o traballo realizado pola candidata de En Marea-Compromiso por Europa nos últimos anos e defende a necesidade de que Galicia siga estando representada en Europa.

A aposta de En Marea, tal e como destaca Luís Villares, pasa por deixar atrás un modelo europeo deseñado de costas ás persoas para impulsar unha nova construción “social, que non deixe ninguén atrás. A apropiación dos servizos públicos para facer negocio, o saqueo das institucións e a corrupción son algo inasumible que queremos mudar”, afirma o voceiro. Que reivindica “unha construción alternativa de Europa que non permita que organismos non escollidos democraticamente condicionen as políticas públicas. Como aconteceu coa reforma do artigo 135 “que afectou a todo o estado de benestar, á protección social, e deu lugar ao pago dunha débeda da que non era responsable a cidadanía”.

Impulsar o feminismo, o ecoloxismo e o pacifismo como valores transversais, e a defensa de políticas que prioricen o benestar social e que aporten solucións para as cuestións que afectan ao día a día das galegas e galegos serán as prioridades que En Marea defenderá dende unha coalición estatal na que a candidata galega, Lidia Senra, ocupa o segundo posto.

“É necesario facer fincapé na importancia que teñen as eleccións europeas. Como as institucións europeas están moi lonxe, a maioría da cidadanía tende a pensar que non teñen tanta importancia. A realidade é que arredor do 80% das decisións políticas que afectan á nosa vida diaria, á vida dos galegos e galegas, tómanse na UE, a través de políticas como a PAC (Política Agrícola Común) ou a PPC (Política Pesqueira Común), que notan ben os agricultores e agricultoras e a pesca artesanal cando chegan os recortes das cotas pesqueiras, por exemplo”, explica Senra. Que fai un chamamento para que a cidadanía participe activamente nos comicios  do próximo 26 de maio.

Tal e como destaca o voceiro de En Marea, cuestións básicas para Galicia como a vertebración, o saneamento das rías, o futuro do sector naval ou a transición ecolóxica dependen tamén directamente das decisións que se tomen en Europa. “En Marea foi a primeira forza política en poñer en mans da comisaria de transportes a necesidade de incluir a Galicia no Corredor Atlántico Ferroviario. Unha cuestión vital para revitalizar o noso tecido industrial e para os nosos portos”, lembra Villares. Que lembra que tamén a construción naval da que depende boa parte do emprego industrial das áreas de Vigo e Ferrolterra depende das decisións que se adopten en Europa. “Reclamamos unha transición ecolóxica xusta. É preciso implementar esa descarbonización, pero debe facerse de xeito que non provoquemos máis emigración nas comarcas afectadas polo cambio de modelo enerxético. Por iso debemos viabilizar desde Europa o futuro a nivel humano das mesmas”.

En Marea encara as eleccións europeas coa intención de continuar impulsando “políticas moi concretas nas que se está traballando xa. Neste mandato abriuse o debate e están xa enriba da mesa os regulamentos para a reforma da PAC 2020-2027. Están aprobados os textos xa na Comisión de Agricultura, pero no próximo mandato, os deputados e deputadas que formen o Parlamento terán que tomar a decisión final para aprobar definitivamente a nova PAC. A proposta resultante da Comisión de agricultura non nos gusta e darémoslle unha orientación totalmente diferente”, explica a candidata.

Outra das cuestións que quedou enriba da mesa é o regulamento do control de pesca. En nome da PPC estanse facendo reformas que aínda que usan como argumento favorecer á pesca artesanal, o certo é que a PPC está levando a poñer cada vez máis trabas á pesca artesanal e de pequena escala. É un regulamento que ou ten que ser retirado ou ten que haber un compromiso específico de que non vai afectar á pesca artesanal.

Máis alá diso, En Marea destaca varias prioridades, como é “o reparto da riqueza. A UE ten os suficientes recursos como para que ningunha persoa viva na pobreza, sen un teito para vivir ou sen poder alimentarse correctamente”, explica Lidia Senra. Que se compromete a traballar polo “establecemento da renda básica universal a nivel europeo e a actuar en materia laboral para garantir un salario digno e por unhas pensións públicas que garantan calidade de vida”.

En Marea destaca a inxustiza de prezos agrícolas que, actualmente, non están cubriendo os costes de produción en todos os casos. E destaca a necesidade de reforzar servizos públicos de calidade e acabar coa precarización dos traballadores e traballadoras das administracións públicas. “Neste sentido, queremos amosar todo o apoio ao colectivo de enfermeiras eventuais que están en loita e que o próximo domingo teñen unha acción nesas oposicións, así como a todos os traballadores e traballadoras en precario”, indicou a candidata.

Frear o cambio climático e cumprir os compromisos dos acordos de París para reducir as emisións será outra das prioridades de En Marea. “Hai que ir ao fondo, aos modelos de desenvolvemento e á redución do consumo de enerxía”, indica Lidia Senra. Que tamén se compromete a seguir dando a batalla “para que se respecten os dereitos das mulleres. Urxe poñer en marcha unha directiva para erradicar a violencia machista. Tamén reclamamos que se cambie o Mecanismo financieiro plurianual. Non compartimos as prioridades que establece a UE en canto ao reforzo armamentístico ou a construción dun exército europeo” asevera a candidata, que deixa sobre a mesa o compromiso de En Marea para acabar uns orzamentos que impulsen a cultura de paz e os servizos públicos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.