En Marea urxe no Congreso á ministra de Xustiza a rectificar e incluir a Lugo na creación de novos xulgados do social

Fernán Vello censura con dureza a exclusión de Lugo cando sofre “o mesmo nivel de saturación e colapso que Santiago e Vigo. Corrixa a decisión de marxinar a Lugo canto antes”
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea urxe no Congreso á ministra de Xustiza a rectificar e incluir a Lugo na creación de novos xulgados do social

O deputado de En Marea no Congreso por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou  con carácter urxente unha pregunta dirixida á Ministra de Xustiza, Dolores Delgado, para que rectifique canto antes a decisión de non incluir a Lugo na creación dun novo Xulgado do Social.

Fernán Vello lembra que ao longo da presente lexislatura En Marea demandou en numerosas ocasións, através de iniciativa parlamentares, un novo Xulgado do Social en Lugo, mais “sempre nos atopamos coa negativa do Goberno de Rajoy que dicía que non había necesidade”.

En decembro pasado, e con motivo da petición do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da Xunta, pedimos de novo, desta volta ao Goberno Sánchez, o Xulgado do Social para Lugo porque esta máis que argumentado debido “ao seu alto nivel de saturación, do mesmo nivel que Santiago e Vigo, debido especialmente ao incremento de demandas en materia laboral”.

“Non é admisíbel a marxinación de Lugo”

Onte mesmo, de xeito sorpresivo, o “delegado do Goberno de Galicia anunciaba a conformidade do Ministerio de Xustiza para un novo Xulgado do Social en Santiago, que continuaría respaldando un novo para Vigo e un de Primeira Instancia para A Coruña. Lugo, excluido”.

Para o deputado de En Marea, “esta marxinación é discriminatoria e impropia dado que segundo as estadísticas Lugo figura tamén como un dos Xulgados máis colapsados”. Considera o parlamentar de En Marea que a decisión do Ministerio de Xustiza “é a todas luces, e valga a redundancia, inxusta e provocou un grande malestar en Lugo”.

Ante isto, desde En Marea “demandamos ao Ministerio unha urxente rectificación para que Lugo sexa dotado cun novo Xulgado. É unha necesidade”. Ademais, criticou a falta de iniciativa da Xunta que “nin espíritu reivindicativo ten para con Lugo”.