En Marea: “Valoramos a convocatoria electoral en xullo poñendo condicións ao Goberno da Xunta”

Trala xuntanza mantida co Presidente da Xunta, dende En Marea reclamamos a Feijoo transparencia e esiximos a publicación dos datos que manteñen ocultos.
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de En Marea,Política

En Marea: “Valoramos a convocatoria electoral en xullo poñendo condicións ao Goberno da Xunta”

Unha vez estudados os informes remitidos pola Xunta, consideramos que ante a incerteza do panorama actual pola pandemia, unhas eleccións con todas as garantías sanitarias non poderían convocarse ata que rematase a pandemia, situación que supón ter que escoller entre celebrar eleccións en xullo ou permanecer con Feijoo á fronte do Goberno sine die, o que consideramos inasumible, pois para facer fronte á nova normalidade precísase un goberno con plena lexitimidade democrática e legal. Os 11 anos de goberno do PP, a xestión de Feijoo e o seu afán privatizador de servizos esenciais como son a sanidade e os servizos sociais, leváronnos a afrontar esta situación en peores condicións.    

Se nalgo coinciden os estudos presentados é na alta probabilidade de rebrotes en outono, dadas as circunstancias excepcionais, consideramos como menos mala como data a do 19 de xullo, tentando atrasar a data nese mes o maior posible, para ir valorando a evolución da situación durante a desescalada nese tempo.

Pancho Casal ironizou sobre o feito de que PSOE e Galicia en Comun/Podemos consideren ilexítimo ou temerario convocar eleccións en Galicia durante o estado de alarma, cando en Madrid o goberno “de coalición” do que forman parte fíxoo posible, pois o decreto de Feijoo marcaba que só poderían convocarse cando rematara o estado de alarma, pero o goberno aprobou un Real Decreto Lei, a instancia do PNV, onde ditamina que poderán convocarse. Para nós, isto evidencia que cando PSOE e Podemos gobernan desde Madrid non pensan en Galicia.   

En todo caso, esixiremos para dar o noso apoio á convocatoria en xullo que se desenvolva un protocolo que garanta de maneira estrita a máxima seguridade sanitaria en todo o proceso.  No mesmo sentido, Pancho Casal tamén lle reclamou ao Presidente da Xunta, como levamos facendo máis de dous meses que publiquen os datos reais da evolución da pandemia, desagregados por concellos e por residencias (diferenciando públicas e privadas), de positivos e falecementos, recriminando que todo este tempo estiveron manipulándoos e ocultándoos, cando son esenciais para poder estudar a situación obxectivamente.

Pancho Casal tamén demandou que se inclúa na convocatoria unha “cláusula suspensiva” se a situación se deteriorase antes do comezo da campaña electoral, cláusula na que se podería poñer como data para unha nova avaliación o remate do estado de alarma ou a terceira semana de xuño.

Ante o risco, que a propia Xunta recoñece, de rebrotes no outono, Pancho Casal reclamou na xuntanza dotar ao sistema sanitario de recursos humanos, materiais e económicos suficientes, así como a especial necesidade de protexer ao persoal sanitario, facendo previsión para ter dispoñibilidade de test e material de protección para todas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.