En Marea xa traballa, trala constitución do Consello, para consolidar e fortalecer un proxecto en todo o país que permita solucionar os problemas e o sufrimento ao que ten sometido o PP á cidadanía galega

Publicado por o día 29/12/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea xa traballa, trala constitución do Consello, para consolidar e fortalecer un proxecto en todo o país que permita solucionar os problemas e o sufrimento ao que ten sometido o PP á cidadanía galega

Trala constitución esta mañá do Consello das Mareas e da Comisión Ética e de Garantías, a dirección política do espazo xa comenzou a traballar. A nova dirección, elixida a pasada fin de semana polas persoas inscritas, debateu sobre a nova estructura órganica tanto do Consello como da Coordinadora para “ver como podemos organizar mellor o traballo e acadar os obxectivos de fortalecer o proxecto, sumar os mellores resultados nas eleccións do 2019 e do 2020; relanzar as mareas sectoriais e seguir traballando desde o municipalismo para construir unha alternativa en todo o país que permita solucionar os problemas da cidadanía”, explicaron Luís Villares e Ana Seijas despois da primeira reunión do Consello en Compostela.

Tamén avanzaron, sobre as eleccións internas, que En Marea vai contar cunha auditoria externa que realizará o Colexio de Enxeñerios Informáticos de Galicia. “Unha auditoria, que se ben non é precisa, a quixemos facer para cumprir o noso compromiso de ofrecer sempre as máximas garantías e a máxima transparencia ao proceso como é sempre a nosa forma de actuar” informou Seijas que lembrou que esta auditoría externa complementa á interna que cada persoa inscrita pode facer da súa participación na plataforma de votación.

Luís Villares explicou tamén que a nova dirección fixou esta mañá o obxectivo político de xerar expectativas, ilusión e compromiso para establecer unha nova maioría política despois das eleccións autonómicas do 2020 en Galicia. “Nós non viñemos á política a ficar nun recuncho, viñemos para ocupar a centralidade do taboleiro social, para transformar a política, a sociedade, para contribuir ao carón dos movementos sociais, ao carón da sociedade civil organizada, e dar unha resposta política aos problemas do noso país”, incidiu o voceiro do espazo do cambio na que foi a folla de ruta que estableceu esta mañá a nova dirección de EM.

“Non nos conformamos con ser a segunda forza política de Galicia, senón que queremos liderar todo un movemento progresista de transformación social e política, que nos leve a desprazar ao PP das institucións que neste momento ocupa, e que singularmente na Xunta, leva causado moito sufrimento á poboación”, engadiu Vllares.

O obxectivo agora é xerar un programa e unha alternativa ilusionante, que necesariamente ha de ser cooperativa con outras forzas progresistas do noso país. E, En Marea quere ser quen lidere ese proxecto de forma cooperativa e de forma respectuosa coas outras forzas políticas, para xerar a ilusión dunha alternativa ao Partido Popular. Para chegar aí, temos un obxectivo político inmediato, que fará de meta voante para ese gran obxectivo que temos no 2020, e que é un grande triunfo de todas as mareas municipalistas no 2019. “O mes de maio será a grande proba para comprobar que o proxecto de En Marea está maduro en todo o país, en todos os concellos, para formular unha alternativa política inlusionante no 2020”, dixo o voceiro.

As primeras directrices neste sentido e que debateu esta mañá o Consello, están relacionadas co apoio ao desenvolvemento do traballo das mareas municipais, que son autónomas dentro do seu ámbito de acción política, pero que teñen o respaldo do conxunto do espazo de EM para seguir avanzando. “Van contar co noso apoio político, organizativo, e dos recursos humanos e materias cos que contamos para chegar a todos os recunchos do país”, explicou Villares que destacou o crecemento exponencial desde o 2015 das mareas municipais, pasando das 80 ás 150, “cifras indicativas, de que EM non é un proxecto efímero, é un proxecto con vocación de futuro, non viñemos aquí para gañar as eleccións de 2015 ou 2019, viñemos aquí para crear un proxecto nacional capaz de vertebrar durante a próxima xeración todo o país, baseado na democracia, na xustiza social, e que dea resposta aos problemas de Galicia”, subliñou Luís Villares.

O voceiro do espazo do cambio tendeu de novo a man ás persoas elixidas polas inscritas e que decidiron non asistir á reunión desta mañá, e explicou que como xa dixeran con anterioridade, unha vez constituido o Consello xa non habería duas listas, dúas candidaturas, “senón unha única dirección co rumbo de disputarlle a exemonía política ao PP no 2020, e que ten un fito a nivel político fundamental que son as eleccións do 2019 a nivel municipal e a nivel europeo”.

“Convidamos a todo o mundo para que se integre no traballo para solucionar os problemas da xente, porque a xente non espera. Por iso, fago un chamamento colectivo a pechar filas, á responsabilidade, ao respecto ás decisión das persoas inscritas e a deixar de falar de nós mesmos”, concluiu o voceiro de En Marea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.