En Vigo apoiamos a nosa Recanteira Mariah Fosado

Por o 06/11/2014 | Sección: Cultura,TV
En Vigo apoiamos a nosa Recanteira Mariah Fosado

Este venres 7 de novembro é a quenda de Vigo no ben coñecido concurso Recantos do programa Luar da Televisión de Galicia. Aproveitando esta ocasión fixémoslle unha pequena entrevista á nosa representante, a Recanteira de Vigo: Mariah Fosado. Cabe lembrar que precisa todo o noso apoio este venres para poder pasar á seguinte fase, o cal llo damos co noso voto chamando ao número de teléfono 988 600 681 unha vez abran as liñas no programa en directo.

– Bos días, Mariah, cóntanos: que é a música para ti?

– Para min a música éo todo, a miña maior paixón, a miña materia favorita e o meu maior soño.

– Como comezaches neste mundo?

– Pois boa pregunta (ri). Non me lembro cando empecei a cantar, pero si que me acordo de ser moi pequena e simular escenarios en calquera alto con calquera cousa na man a modo de micro e xogar a dar concertos. Un día sendo moi pequena meu pai trouxo á casa unha minicadea con karaoke e desde aquela aínda non soltei o micro.

– Até onde che gustaría chegar como artista?

– O meu maior soño é chegar a ser unha artista internacional, como Shakira, Christina Aguilera ou Tina Turner.

– Que te motivou a entrar no concurso de Recantos?

– A verdade é que xa levaba anos querendo presentarme e como ben din os meus amigos, algún día tiña que «mollarme». Creo que esta é unha moi boa ocasión para darnos a coñecer como cantantes na nosa terra e en todos aqueles recantos aos que emigraron tantos galegos, ademais de unha experiencia incrible, xa non só a nivel musical, senón tamén polo feito de formar unha nova familia con tan bos compañeiros como os que me tocaron e poder vivir de cerca como funciona o apaixonante mundo da televisión.

– Que che pode aportar Luar ademais do que nos contaches?

– Pois, o certo é que me gustaría ter a sorte de dar con algún representante ou algún padriño musical no programa e poder gravar o meu primeiro disco.

– Como levas o de cantar diante das cámaras e do público?

– Non é a primeira vez que actúo diante do público, pois teño participado en concursos e festivais, pero non é o mesmo diante do público só ca diante das cámaras tamén. Elas impoñen algo máis. É certo que algo de nervios sempre se teñen e xa fai días que os sinto, pero vou coa intención de aproveitar ao máximo a oportunidade e dar o mellor de min.

– Este amor pola música naceuche ou herdáchelo?

– Pois eu diría que é herdado, pois non son a única persoa da familia á que lle apaixona a música. O meu pai toca diversos instrumentos, meu irmán canta tamén e até teño primos que coñecedes ben neste mundo, como Ángel Kalvi, o actual Recanteiro das Terras de Ordes, e Tania Veiras.

– Ademais da música, dedícaste a algunha outra cousa?

– Si. A día de hoxe traballo como redactora, tradutora, intérprete, revisora lingüística e profesora de idiomas freelance. De feito aproveito para presentarvos un blog que creamos recentemente un amigo e máis eu para aprender inglés gratis que de seguro que vos vai interesar: aprenderinglesgratis.es.

– Vaiamos cunha pregunta difícil: que proxectos de futuro tes no mundo da música?

– Como xa dixen anteriormente, o meu maior soño é chegar a ser unha artista internacional. Sei que é difícil porque se cae moitas veces, pero o certo é que estou disposta a aprender a levantarme. Teño algún que outro tema propio por aí agochadiño e pretendo seguir compoñendo e traballando duro, pois coa música sempre hai que estar activos.

– Antes de despedirnos, cóntanos un pouco dos teus gustos musicais. Escolle:

– Unha canción:

– Unha soa? (Ri). Se só podo escoller unha direivos: Simply the Best de Tina Turner, pois é un tema que me transmite seguridade xa desde os primeiros segundos.

– Un xénero:

– Quédome cunha mestura explosiva entre blues, rock e soul, pois gústanme as voces escuras, potentes e desgarradoras e os ritmos moi marcados.

– Un/unha vocalista:

– É difícil escoller só unha. No plano internacional quédome con Christina Aguilera pois admiro moito a súa voz e os matices que lle dá á voz en cada tema, así como con Tina Turner, pois ten un timbre fascinante e inconfundible. Se falamos de vocalistas nacionais, entón Mónica Naranjo é a elixida.

– Un músico:

– Como músico escollo o meu profesor de guitarra eléctrica, David Zarandón. É un gran guitarrista, cunha gran traxectoria musical, bo profesor e mellor persoa aínda, algo que tamén considero moi importante en todo bo músico.

– Un grupo:

– Aquí vou tirar polo noso e direi Leilía, pois é unha banda formada por grandes voces que unidas nos agasallan con fascinantes harmonías e difunden a nosa música tradicional e a nosa poesía por todo o mundo mediante un pegadizo folk.

– Moi ben Mariah, pois isto foi todo por hoxe. Moitas grazas por contestar ás nosas preguntas. Desexámosche moita sorte para o venres!

– Grazas a vós e a todos os que me apoian nesta fascinante aventura. Vémonos o venres en Luar na TVG!

* Se queredes votarla tedes que estar atentos, durante o programa do venres (A partir das 00:30) activaran as líneas ao acabar de actuar os dous Recanteiros e teredes que chamar a este número 988 600 681 , O coste e como a un número normal, coa tarifa de teléfono e gratis e máximo 5 chamadas por liña. 

Noticias de última hora en Vigo