ENCE: cortinas de fume fronte a realidade!

Por o 19/04/2019 | Sección: APDR,Galicia,Pontevedra,Social
ENCE: cortinas de fume fronte a realidade!

A empresa ENCE, que recoñece estar nunha posición “menos sólida” que hai uns meses pola decisión do Estado de achantarse fronte aos recursos presentados pola Asociación Pola Defensa da Ría, polo Concello de Pontevedra e por Greenpeace diante da Audiencia Nacional, vén de expresar nun comunicado público a súa satisfacción tras coñecer que os citados procedementos seguirán o seu curso “apesares do achantamento da avogacía do Estado”.

E pretenden darlle a esta decisión un alcance que en absoluto ten. Con efecto, a continuidade dos procedementos xudiciais seguidos na Audiencia Nacional non só entra dentro do normal, senón que responde á legalidade. De acordo co recollido no artigo 75-3 da Lei Reguladora da Xurisdición do Contencioso-Administrativo, obriga a continuar o procedemento sempre que exista máis dun demandado; e non debemos esquecer que, no caso que nos ocupa, figuran coma demandados ENCE e o Estado. De feito, de non se continuar co procedemento na Audiencia Nacional, estaríase a vulnerar a lexislación.

Así pois, a lectura triunfalista que fai ENCE dunha noticia que entra dentro da máis absoluta normalidade, non ten máis obxectivo que o de confundir á cidadanía terxiversando a realidade. E non é casual que o faga; sen dúbida, ENCE pretende así minimizar a importancia real da decisión de Costas do Estado e -ao tempo- botar unha cortina de fume sobre outro pau xudicial que saltou hoxe mesmo aos medios de comunicación, unha decisión xudicial do TSXG que da a razón ao Concello e a quen denunciamos as obras ilegais de ENCE no recinto fabril de Lourizán ao fallar que, contrariamente ao defendido por ENCE e a Xunta de Galicia, a empresa non pode realizar estas obras sen contar coa preceptiva licencia municipal do Concello de Pontevedra.

Apdr naceu a finais do ano 1987. Ao longo destes anos ten realizado campañas que teñen influído na situación do noso entorno e na conciencia ambiental dos cidadáns. Esta actividade é posible grazas aos socios e socias da APDR que participan, colaboran e apoian a nosa Asociación. Neste momento en que a degradación ambiental ensombrece o futuro do planeta, o fortalecemento do movemento ecoloxista é fundamental de cara a crear un escenario máis esperanzador para nos e para a humanidade.

Na asociación pola defensa da Ría estamos a traballar na defensa do medio ambiente na bisbarra da Ría de Pontevedra, intentando, na medida das nosas posibilidades, evitar aquelas actuacións que implican degradación dos sitemas naturais. Ademáis, colaboramos solidariamente con outras organizacións na defensa da natureza noutras partes do mundo xa que somos conscientes de que os problemas ambientais son, cada vez máis, problemas globais. Para realizar este traballo necesitamos a participación de todos; na medida en que máis persoas aportemos o noso esforzo nestes obxectivos, mellor poderemos conservar o noso medio e o noso futuro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.