Enfermaría arranca os actos de graduación deste curso académico

Trátase da quinta promoción deste centro adscrito
Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Enfermaría arranca os actos de graduación deste curso académico

O salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico do campus de Ourense acolleu este venres o primeiro dos actos de graduación deste curso académico. A quinta promoción (2014-2018) do Grao en Enfermaría da Escola Universitaria de Enfermaría celebrou, acompañada de familiares e membros da comunidade universitaria, o remate dos seus estudos superiores. Trátase de 47 novos egresados e egresadas aos que os representantes da institución académicas presentes lles desexaron o mellor dos futuros profesionais.

Parabéns e recoñecementos

María Esther de Blas, delegada da Universidade de Vigo para esta escola e próxima vicerreitora do campus de Ourense, salientou durante o seu discurso ás e aos asistentes como “é un acto moi emotivo porque será, sen dúbida, a última vez que me dirixa a vós como delegada do reitor”. Para os familiares e o profesorado das e dos homenaxeados, María Esther de Blas tivo palabras de recoñecemento e agradecemento. Pola súa banda, ás e aos novos egresados destacoulle a necesidade de que “tedes que estar atentos e non baixar o voso nivel de esixencia nunha sociedade competitiva e que está en continuo cambio e evolución. Teredes que seguir preparándovos e formándovos e para elo contaredes sen dúbidas co apoio dos vosos profesores e da Universidade de Vigo”. Ante ese futuro, animou a esta quinta promoción de grao a gozar co exercicio da súa profesión, “unha profesión envexable porque permite curar as feridas, as feridas físicas pero tamén as feridas da alma e acompañar a soidade”.

Pola súa banda, María Milagros Fernández, directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, comezou a súa intervención agradecendo á Universidade “a súa disposición para levar a cabo a integración física e traslado da Escola de Enfermaría coas demais facultades o vindeiro curso, e que xa conta co visto bo do Consello de Campus”. Durante o seu discurso, Fernández tivo palabras de agradecemento para o profesorado e persoal do centro e para os profesionais que contribuíron á formación desta nova promoción. “O obxectivo perseguido durante estes catro anos de intenso estudo e traballo foi dotarvos das ferramentas necesarias para construír un sólido coñecemento baseado en coñecementos científicos e humanísticos e con elo, adquirir as competencias necesarias para o desenvolvemento dun excelente quefacer profesional”. Xunto a esta formación, María Milagros Fernández recalcoulle a egresados e egresadas que “non debemos esquecer que é esencial a humanización”, polo que salientou como ao longo destes catro anos nas aulas “intentamos transmitirvos valores humanos e éticos”.

Entre lembranzas dos catro anos compartidos dentro e fóra das aulas, parabéns dos membros da comunidade universitaria e a atenta mirada de familiares e amigos, as e os 47 estudantes recolleron as súas bandas nun acto que simbolicamente pecha o seu paso pola Universidade de Vigo e abre unha nova etapa de desenvolvemento profesional.