ENTREVISTA | Olga Rodríguez, xornalista

Por o 17/06/2017 | Sección: Entrevistas,Opinión,Opinión por Erik Dobaño
ENTREVISTA | Olga Rodríguez, xornalista

Por Erik Dobaño

Olga Rodríguez é zurda, miúda, ollos grandes, ton repousado, voz nítida e firme, unha xornalista con pulso.

Unha estrela humilde no universo mediático “alternativo” que agora escapa para Estados Unidos a descansar.

Leva alá tres meses. “O último ano e medio foi durísimo”, conta despois dunha conferencia no Acampa sobre o seu traballo nos éxodos en Asia desde hai dezaoito anos. Estivo en Siria cos refuxiados iraquís hai dez anos e nos últimos tempos camiñou cos sirios en Turquía, Grecia, Hungría. Onte falou contra a equidistancia que exhibe certo tipo de xornalismo, denunciou unha nova carreira armamentos en marcha, advertiu dun cambio na política exterior dos EE.UU. que antepón os seus intereses a seus valores, da inestabilidade crecente no mundo, da violencia nas fronteiras contra os migrantes, da xenofobia que se normaliza.

– Remataches a conferencia sinalando que nuns anos haberá xente preguntándose por que non viu isto que ti denuncias. Por que non o vemos?

– Non hai interese político nese debate e os medios, queno seu momento decidiran cubrir o que está pasando, xa non o fan.

– Pero o mundo non é hoxe máis visible que nunca?

– Creo que os xornalistas temos unha responsabilidade social, se non motivas o interese da xente, se non tratas de xerar un debate, é difícil que este apareza por xeración espontánea. Internet é unha ferramenta, pero a maioría da poboación non se informa a través dela. E despois están as cuestións domésticas como a precarieade ou as desigualdades que fan que moita xente non teña tempo para informarse respecto doutras cuestións coma as que acabo de tratar. Pero é unha realidade que temos que combater, porque o que nos pasa aquí, os recortes nos dereitos e liberdades, sucede á vez que se estigmatiza aos refuxiados. Son procesos que en non están ligados pero que recorren vías paralelas. E moitos gobernos apelan á necesidade de retallar dereitos en nome da seguridade.

– Falabas da necesidade que ten o xornalismo de ir á raíz dos problemas. Cal é a raíz do problema no caso dos refuxiados sirios?

– Creo que se resume nesa frase que acabo de deixar aí: os refuxiados veñen a Europa e as armas van aos países dos que eles foxen. Desde hai tempo aplícanse determinadas políticas en África ou en Oriente Medio que van en detrimento do interese das poboacións daqueles países. Esas políticas, de apropiación das materias primas en moitos casos, son as que provocan os éxodos.

– Tamén falas en contra da mentira que hoxe trata de agocharse detrás desa equidistancia. Como se combate esa mentira?

– No día a día, como xornalista, contrastando a información… e cada vez iso require máis esforzo porque cada vez chega máis información deturpada ou falseada. E como cidadá, pois procurando moitas fontes de información. Iso a un nivel individual, digamos. A nivel colectivo é difícil combater a mentira porque hai moitos intereses en fixar determinadas mentiras.

Habería que construír unha conciencia cidadá colectiva que escape de inxenuidade e sexa consciente de que acotío se nos minte para xustificar políticas. Hai que gastar tempo en contrastar a información e en ler, en ler moito… Hoxe, estar ben informado é unha forma de militancia.

– Como está o xornalismo no Estado?

– Está mal, en todas partes. Pode que Internet nos dea a posibilidade aos xornalistas de ser donos dos nosos medios; é unha vantaxe. Pero diante dos grandes medios, cheos de recursos para chegar a moita xente, é difícil competir. Porén, eu sigo véndolle vantaxes a Internet. Unha delas é que rompe o matrix da uniformidade na información, permite introducir outras voces e dispoñer dun altofalante. Sen Internet, hoxe a opacidade sería enorme. É unha esperanza.

– Marchas cara Estados Unidos a descansar, pero alí terás que seguir falando de dereitos humanos. Como está a cousa?

– Pois nos Estados Unidos estase xeneralizando a idea de que todos os musulmáns son inimigos. É un discurso racista nun proceso de naturalización.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.