Entrevistamos ao candidato vigués de Mais Podemos

Publicado por o día 24/10/2018 na sección de Entrevistas

Entrevistamos ao candidato vigués de Mais Podemos

Oscar González Álvarez (Vigo, 1980), axente inmobiliario, foi un dos membros máis activos de Podemos na nosa cidade desde o nacemento da formación morada. Naquel Consello Cidadán Municipal, ocupou as secretarías de municipalismo e movementos sociais. Con estes últimos seguiu colaborando logo da disolución de aquela executiva municipal. Despois de tres anos, volve á actividade política como candidato ao Consello Cidadán de Podemos Galicia por Máis Podemos, o proxecto que lidera o coruñés Antón Gómez Reino. Falamos con el nesta recta final da campaña.

Que che fixo tomar a decisión de volver á actividade política?

Penso que non volvín á actividade política, porque nunca me fun dela. O que ocorre é que ás veces é preciso dar uns pasos atrás e ollar con perspectiva o feito e o que queda por facer. No meu caso, este verán asistín a unha xuntanza das inscritas en Ames, por ver un pouco como seguía o partido en Galicia… e aquí estou, candidato ao Consello Cidadán.

Cal é a situación de Podemos hoxe en Galicia?

Negar que vimos de tempos convulsos sería absurdo. Cometéronse erros e a falta de experiencia da maioría dos que fomos cargos orgánicos pasounos unha factura importante. Penso que a organización está hoxe nunha etapa nova, onde comeza a notarse a experiencia adquirida. E hai unha cidadanía nas bases, nos círculos, que segue demandando participar activamente na política. Temos que chegar a esa xente e recuperar a tantos como sexa posible dos que quedaron polo camiño.

E a de Vigo? Houbo tamén erros? Cales foron?

Na nosa candidatura temos claro que Podemos, en Vigo, ten dificultades importantes. Cando se produciron as dimisións que descabezaron ao Consello Municipal, estabamos no verán de 2015. Dende aquela, a organización local quedou nun impase, coa xente dos círculos querendo participar e non atopando canles nin interlocutores. Non hai organización que resista iso.

Claro que houbo erros. O máis evidente foi non participar nas municipais de 2015. Aí non estivemos á altura do que a situación demandaba. Dividir o círculo de Vigo en círculos de barrio era unha boa idea, pero o momento non o era, non cunha organización tan nova. Pero bueno, sempre me gustou aquela frase de que a experiencia é o nome que cada quen da aos seus erros, así que na contraparte deses erros, está unha boa chea de experiencia.

Falabamos antes da entrevista e me comentabas que falaches coas dúas candidaturas. Que fixo que te decidiras pola de Antón é Gómez-Reino Varela?

Así foi. Carolina chamoume por teléfono e con Antón tiven unha xuntanza en Santiago á que asistiron tamén varias compañeiras que estiveran en Ames no verán. Con ambos houbo bo entendemento, pero Tone puxo sobre a mesa dúas cuestións concretas que me interesaron moito: unha secretaría de organización descentralizada e un total de catro representantes de círculos no Consello, o máximo que permiten os documentos de Vistalegre II. A primeira pareceume unha medida de moita hixiene democrática, mentres que a segunda pareceume unha aposta clara por dar nova potencia aos círculos, e esa música gústame como sona. Despois, lendo os documentos, no ético de Máis Podemos atopei unha referencia a camiñar cara a unha sociedade laica que tamén me pareceu moi interesante. Creo por principios no estado laico.

Cales son os principais problemas que sinalarías en Galicia na actualidade?

Hai varios relacionados entre si, pero o máis grande de todos chámase Partido Popular. A política de Feijóo e os seus é veleno para o futuro da nosa terra. Temos un problema demográfico importantísimo que non se arranxa con cheques bebé de cen euros ao mes. Somos un país envellecido e que hoxe por hoxe non é quen de dar perspectivas de futuro á xente nova, que se ve forzada ao exilio económico. Para iso é necesario crear emprego de calidade e este ven da man da recuperación da industria e o desenvolvemento de novos sectores de actividade. Dende Máis Podemos presentamos hai uns días o documento 30 retos para Galicia ( https://bit.ly/2yy146g ) no que se recollen os principais eixos de traballo para garantir un futuro para a nosa terra.

Volverá haber un Consello Cidadán en Vigo?

Penso que si, que é fundamental que Vigo teña un Consello Cidadán. Pero máis importante creo que é recuperar esa ilusión da xente, tenderlles a man con humildade e deixar claro que sabemos a onde queremos chegar e que nos van facer falla moitas mans. Sen a nosa xente nas

rúas, participando nos movementos, levando o debate aos bares e aos traballos, esa executiva sería moi feble.

Como vai ser a relación de Podemos Vigo coa Marea?

A relación vai ser cordial, como ven sendo ata agora. O máis urxente é sentarse a falar para preparar as eleccións municipais do vindeiro ano. É un exercicio de responsabilidade que non podemos seguir aprazando, tanto por nós, que temos que definir as nosas liñas de acción na cidade, como polos nosos aliados aos que debemos darlles unha resposta o antes posible. Ata que haxa un novo Consello Cidadán Municipal, esa interlocución ten que darse coa executiva galega. Por iso, se saímos elixidos, porémonos de inmediato a traballar para chegar a un acordo no que se sinta representada a maioría social da cidade.

Que posibilidades cres que hai de gañar a Caballero?

Caballero é un animal político, iso ninguén o dubida. Tamén é un showman único e un dos maiores demagogos da política actual. Inviste en beirarrúas e obra pública, pero os servizos sociais seguen sendo precarios. El pensa que é Keynes, pero está máis preto do modelo Gallardón/Botella.

Segundo os datos do Ministerio de Facenda para 2017, Vigo é o segundo gran concello que menos inviste en servizos sociais. Navia demanda un centro social que non chega. O Calvario é un dos barrios con menor renda per cápita do Estado… a lista é longa.

As obras visten moito, pero cada vez é máis a xente que se da conta de que detrás desa beleza só hai unha aposta polo turismo, e dizer, polo emprego precario, e o eterno xogo coa Xunta de pasar o día botando as culpas uns aos outros polas cousas que ningún fai. É un reto difícil, pero por suposto que é posible.

Que che gustaría traer a Vigo se puideras?

Unha facultade de enxeñería aeroespacial co seu respectivo centro tecnolóxico e de investigacións.

E xa para rematar, por que a xente debería votar Máis Podemos?

A xente debe votar o que en conciencia crea mellor. Nós, dende o máximo respeto á outra candidatura, e sen intención de entrar en leas, creemos que a súa é unha proposta de continuidade coa dirección anterior. Pola outra banda, nós somos a candidatura da aposta por novos tempos e unha nova cultura política dentro de Podemos Galicia, con proxecto, perspectiva e capacidade, contando coa participación das bases e da militancia. Ese é o compromiso que Antón Gómez Reino puxo sobre a mesa e o fundamento último detrás de Máis Podemos.

Moitas gracias.

A vós.