Enxeñeiros da Universidade participan no desenvolvemento da máquina de adestramento máis pequena do mundo

Handy Gym, ideada pola empresa Micaton Ergonomics S.L, foi presentada hoxe
Por o 10/12/2018 | Sección: Deportes,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Enxeñeiros da Universidade participan no desenvolvemento da máquina de adestramento máis pequena do mundo

Froito do traballo conxunto desenvolvido polos docentes e investigadores da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo Ana Mejías e Enrique Paz, xunto aos investigadores da empresa Micaton Ergonomics S.L, hoxe presentouse, nun acto celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia, Handy Gym, a máquina de adestramento máis pequena mundo. Cun peso inferior a un quilogramo e un tamaño de 15 centímetros, Handy Gym baséase na tecnoloxía inercial que potencia o adestramento nos seus dous ciclos: forza concéntrica e excéntrica, que combinadas son empregadas polas e polos profesionais do deporte para potenciar os resultados en tonificación e musculación.

Os promotores da máquina de adestramento destacaron na presentación o sinxelo do seu uso, que permite a práctica deportiva en calquera lugar e en calquera momento, e con tres niveis de dificultade: amarelo, para recuperación muscular e principiantes; azul, para practicantes esporádicos e vermello para amateurs avanzados e profesionais. “Nun primeiro momento buscouse unha ferramenta que facilitase a forma de acceder ao deporte a persoas con problemas de mobilidade ou motricidade, pero atopámonos cun dispositivo moi avanzado tecnoloxicamente de uso máis globalizado”, explicou Manuel Montes, CEO de Micaton Ergonomics S.L e coinventor de Handy Gym, que conta coa concelleira e alpinista Chus Lago como embaixadora.

Alianza universidade-empresa

Tras desenvolver no ano 2014 un desaparafusador baseado nun anel de goma que, incorporando un imán, facilita o xeito de aparafusar, en 2018 Micaton Ergonomics S.L. creou unha unidade de negocio, Taktus, que pechou un acordo de colaboración coa Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da Universidade de Vigo, Otri, para o deseño de Handy Gym. Finalizada a parte tecnolóxica, coa colaboración dos enxeñeiros Ana Mejías e Enrique Paz da Universidade de Vigo e dos seus homólogos de Micatón, o adestrador e propietario do centro Coliseum, Marcos Chantada, sumouse ao proxecto para achegar á ferramenta deseñada a calquera persoa que practique deporte.

Comentar noticia

Your email address will not be published.