Enxeñeiros vigueses converterán os residuos plásticos oceánicos en compoñentes ecoinnovadores para a industria marítima

A fabricación das novas pezas realizarase con impresión 3D e poderá facerse a bordo
Publicado por o día 13/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Enxeñeiros vigueses converterán os residuos plásticos oceánicos en compoñentes ecoinnovadores para a industria marítima

Empregar residuos plásticos oceánicos para a creación, mediante impresión 3D, de compoñentes  ecoinnovadores que poidan ser reutilizados pola propia industria marítima, podendo chegar a fabricalos en apenas uns minutos, tanto nas instalacións portuarias como a bordo dun barco. Esta é a filosofía coa que nace  o proxecto europeo CircularSeas, un traballo financiado con preto de dous millóns de euros de fondos FEDER e no que participa como socio o grupo de investigación de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade de Vigo, dirixido polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Julio Garrido.

A presentación do proxecto reuniu está mañá no edificio Miralles a unha boa representación de todas as partes implicadas, non só da comunidade universitaria, senón tamén do resto de organismos que, desde hai xa uns meses, están a colaborar nesta investigación e que inclúen a Autoridade Portuaria de Vigo, peza clave para o desenvolvemento deste traballo, e o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape. De explicar os detalles do proxecto encargouse Garrido e, ao seu carón, participaron tamén nesta presentación a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez; o director do Centro de Investigación Mariña da UVigo e do Campus do Mar, Daniel Rey; o responsable de Medio Ambiente do Porto de Vigo, Alberto Jaraiz, e o director xeral do Igape, Juan Manuel Cividanes. Todos destacaron as grandes expectativas que CircularSeas esperta na industria naval e portuaria, non en van, de acadarse os resultados agardados, contribuiríase a mitigar un dos maiores problemas aos que se enfronta na actualidade a sociedade e que se refire a contaminación do mar polos microplásticos. “Se unha vez retirados estes microplásticos se lle pode dar un valor engadido e, incluso, axudan a solucionar sobre a marcha algún problema mecánico que poida xurdir nun barco isto ten, sen dúbida, un valor moi elevado”, recalcou a vicerreitora de Transferencia.

CircularSeas ten como principal obxectivo promover a economía verde mediante a creación de produtos, pezas e compoñentes creados a partires dos residuos plásticos recollidos polos barcos nas súas campañas ou derivados das principais industrias marítimas: pesca, pesca auxiliar e acuicultura; estaleiros e xestión de portos, e tamén deportes náuticos. “Trátase de empregar eses plásticos que xa non están a ser empregados, que son residuais, e darlles valor, estudando como preparalos para que, a partires de impresión3D, poidan reempregarse na mesma contorna marítima-portuaria”, explicou Garrido.

Oito socios de cinco países

Participan oito socios procedentes de cinco países: España, Francia, Portugal, Reino Unido e Irlanda, en total seis portos implicados. Lidera o centro de investigación vasco Leartiker, pertencente á Rede Vasca de Ciencia e Tecnoloxía, especializado en innovación en tecnoloxía de polímeros. “Desde alí contactaron con nós para que nos fixésemos cargo, sobre todo, da parte que ten que ver co desenvolvemento de novas máquinas, especialmente aquelas que requiren o control preciso de traxectorias e da optimización de procesos automatizados”, explicou Garrido, facendo así fincapé en que a parte viguesa do proxecto se centrará, sobre todo, no desenvolvemento de novos sistemas de maquinaria avanzada para a fabricación de compoñentes plásticos.

A recollida de datos nos portos está xa a piques de rematar

No proxecto hai dúas fases ben definidas. A primeira, na que xa están inmersos todos os socios, é común aos seis nodos participantes e consiste na realización do traballo de campo. Nesta fase, cada nodo está a contactar con empresas e institucións do ámbito marítimo/portuario, recollendo información a través de visitas e enquisas. Unha vez feita unha selección de casos de revalorización dos residuos, traballarán co resto dos nodos na adaptación de impresoras e no desenvolvemento de novos equipos que se adapten aos plásticos e ao proceso de impresión 3D requiridos, así coma na súa optimización.  “Cada nodo xa ten asignado desde o principio unha parte concreta de estudo. No noso caso é a fabricación a bordo, e dicir, a adaptación intelixente das traxectorias dunha máquina -cuxo traballo supoña a realización de movementos precisos- ás condicións de a bordo, tomando a impresión 3D como caso concreto de estudo”, recalcou o responsable en Vigo do proxecto.

Vigo acollerá varios talleres temáticos e o congreso final do proxecto

Se ben o Grupo de Enxeñería de Sistemas e Automática é o único participante galego, o elevado interese deste traballo provocou que xa recibiran numerosos ofrecementos de colaboración, tanto doutros grupos de investigación da propia Universidade como de centros tecnolóxicos, incluído o CSIC e Centro Oceanográfico de Vigo. Neste sentido, Garrido explicou que ao longo dos vindeiros meses se van realizar diferentes talleres temáticos “nos que sen dúbida lles pediremos que participen como expertos en distintos ámbitos do proxecto: economía, sustentabilidade, materiais, etc. “, indicou Garrido durante a presentación, ao que tamén engadiu que o congreso de presentación final de resultados será tamén en Vigo en marzo de 2022.

Múltiples exemplos comerciais demostran a viabilidade do proxecto

A creación de novos produtos a partir de residuos plásticos non é algo novo e noutros sectores hai xa múltiples experiencias neste sentido. Quizás o téxtil é un dos máis activos neste momento. “Existen xa marcas comerciais que fan as súas prendas con este tipos de residuos, e incluso con residuos plásticos exclusivamente do mar. No calzado tamén se poden encontrar exemplos”, explica o responsable en Vigo do proxecto, quen recalcou que a diferencia principal que achega CircularSeas é que se centra no proceso de impresión 3D. “Esta opción non é a mellor para a produción en masa, aínda que si é, sen dúbida, a que permite máxima adaptabilidade”, recalcou Garrido.

Comentar noticia

Your email address will not be published.