Enxeñería Industrial celebra o seu patrón coa vista posta na estrea do grao en Enxeñaría Biomédica

Entregáronse recoñecementos ao persoal docente, investigador e de administración e servizos
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñería Industrial celebrou este xoves o seu tradicional acto da festividade do patrón, San Xosé. A sede de Torrecedeira acolleu un evento co que se quixo recoñecer a traxectoria da comunidade que conforma o centro, tanto docentes e investigadores como persoal de administración e servizos. Para iso fíxose entrega de distincións ao profesorado mellor valorado, á traxectoria de investigación e transferencia e ao persoal con máis antigüidade na escola.

O acto arrancou cunha pequena homenaxe ao profesor José Antonio Vilán, que se recupera do accidente que sufriu en marzo de 2016, co desexo “de que comparta con nós este acto de San Xosé o vindeiro ano”, en palabras de Juan E. Pardo, director da escola. Posteriormente comezou a conferencia convidada, da man de Oswaldo Álvarez, consultor e enxeñeiro industrial formado na Universidade de Vigo. Na súa intervención fixo un percorrido pola súa traxectoria profesional “no campo da biotecnoloxía e a farmacia”. Neste sentido, e baseándose na súa experiencia, destacou a inminente posta en marcha o vindeiro curso do grao en Enxeñaría Biomédica para poñer a atención sobre as diferentes alternativas de inserción laboral que teñen as e os enxeñeiros. Remarcou que “a enxeñaría biomédica une dúas grandes vocacións naturais: a saúde e a tecnoloxía, e esta é unha grandísima oportunidade de futuro” para a Universidade de Vigo e para o eido da enxeñaría. Lembrou que cando el comezou a traballar no mundo da saúde, eran poucos os titulados e tituladas en enxeñaría neste tipo de empresas, pero agora a situación é moi diferente, “téndese á multidisciplinariedade e á multifunción”, colaborando profesionais de moitos ámbitos para enriquecer o tecido empresarial. Tamén quixo dirixirse a aqueles mozos e mozas que non teñen claro o seu futuro académico, lembrándolles que “a vocación e a paixón pódense traballar e crear, coñecer e dominar unha materia require esforzo e, despois do coñecemento ven a maestría e, cando se domina a materia, xorde a paixón”.

Premios e recoñementos

O acto de celebración do patrón de Enxeñaría Industria galardoa cada ano o persoal mellor valorado, o de máis antigüidade e a excelencia investigadora. Desta volta, como docentes mellor valorados polo alumnado foron distinguidos Joaquín Baltasar Collazo, Rafael Comesaña, Elena Beatriz Martín, Xosé Ramón Nóvoa, Jacobo Porteiro e Eduardo Suárez. Tamén se recoñeceu a actividade investigadora e de transferencia dos grupos con potencial crecemento designados pola Xunta de Galicia (Enxeñaría Química 10, Applied Power Electronics Technology e Enxeñaría da Corrosión e Materiais) e aos grupos de referencia competitiva (Novos Materiais e Enxeñaría Química 3). Outras das distincións foron para as e os investigadores novos da escola e recibiron a insignia do centro Fernando Baneira, Sergio Chapela, Bettiana Marcela Hidalgo, José Ángel López, Sandra Martínez, Javier Pérez, Pablo Pou, Verónica Poza, Miguel Rodríguez, Lorena Rodríguez e Daniel Wallerstein. Finalmente tamén se quixo recoñecer a dedicación e os anos de traballo na EEI do PAS de maior antigüidade (Ana Mª Cacheiro, Mª José Vidal e Manuel Velasco) e dos profores José Luis Camaño e Ernesto Roa, que en 2017 cumpriron 30 anos como docentes.