Enxeñería Industrial e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur organizan unha xornada para fomentar a solicitude de patentes

O obxectivo é reforzar o crecemento das solicitudes en Galicia
Publicado por o día 24/11/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Enxeñería Industrial e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur organizan unha xornada para fomentar a solicitude de patentes

Co obxectivo de reforzar o crecemento das solicitudes de patentes en Galicia a Escola de Enxeñaría Industrial e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur organizaron para este xoves unha xornada sobre patentes e propiedade intelectual centrada nos ámbitos biomédico e industrial. Debido ás actuais circunstancias sanitarias a cita celebrarase a partir das 16.00 horas de xeito virtual  e nela reuniranse, tanto persoal investigador do mundo da enxeñaría, a ciencia e a sanidade, como persoas dispostas a emprender novas iniciativas empresariais.

“Esta xornada é unha actividade que se iniciou como unha acción formativa do programa de doutoramento en Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria e segue sendo así, pero dada a boa resposta que nos demostraron sempre os asistentes foise repetindo ano tras ano, acadando xa á décima edición”, indica o catedrático Juan Pou, presidente da comisión académica deste programa de doutoramento, quen recalca que o balance destes dez anos de xornadas é “moi positivo”. El exercerá como anfitrión do seminario pero o peso dos relatorios correrá a cargo de Fernando Prieto e Tomás Llamas, axentes europeos de patentes de ABG Intellectual Property, un despacho especializado en propiedade industrial e intelectual líder en Europa.

Por primeira vez as xornadas inclúen o ámbito biomédico

Como principal novidade desta edición, a xornada, centrada tradicionalmente no ámbito industrial, tamén dedicará parte do seu contido ao ámbito biomédico. Neste sentido Juan Pou explica que no marco da colaboración que se estableceu entre a Escola de Enxeñaría Industrial e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo no campo da Enxeñaría Biomédica, se observou que o mundo da protección da propiedade intelectual, as patentes, os modelos de utilidade… seguen sendo aspectos moi descoñecidos. “Por iso nesta edición trátase de achegar estas cuestións tamén aos investigadores e profesionais do sector sanitario e da enxeñaría biomédica, tratando de contribuír a concienciar a todas as persoas que desenvolven actividades de I+D, tamén no ámbito da saúde, de que é importante protexer a súa actividade inventiva”, explica o catedrático vigués, ao tempo que fai fincapé en que se tratará de proporcionar ás persoas asistentes as claves para identificar que aspectos da súa actividade poden ser susceptibles de protección e cales non.

Entre outros aspectos, o programa incluirá desde unha introdución xeral sobre propiedade industrial/intelectual, patentes, modelos de utilidade, deseños e marcas ata diferentes casos e exercicios prácticos sobre patentes, así como a resolución das dúbidas que poidan ter as persoas que asistan á xornada.

En Galicia as cifras de solicitudes van en aumento

O seminario celébrase nun momento no que as cifras de solicitudes de figuras de propiedade industrial son alentadoras.  No que vai de 2020, o número de solicitudes de patente de orixe galego ante a Oficina Española  de Patentes e Marcas medrou un 17,5% ata alcanzar as 47, mentres que no mesmo período de 2018 o dato era de 40. Tamén aumentan as solicitudes de modelos de utilidade (25,7%), deseños industriais (36,7%) e marcas (2,2%). E o aumento vese tamén no número de solicitudes de patente ante a oficina europea, que en 2019 aumentou un 17,6% respecto ao ano anterior.

Nos últimos anos estas cifras, que son un dos principais indicadores do sector da innovación, experimentaran caídas de máis dun 70% na rexión, polo que desde a organización das xornadas fan fincapé en que divulgar as características do sistema de protección da propiedade industrial resulta clave para optimizar os recursos e monetizar o investimento en investigación. Neste senso, os organizadores da xornada apuntan que, segundo un macroestudo da Unión Europea, as PEME con dereitos de propiedade industrial obteñen de media un 31,7% máis de ingresos por empregado que as súas homólogas sen tales dereitos.

No caso da Universidade de Vigo, segundo os datos do seu Portal de Transparencia, no 2019 solicitáronse un total de nove patentes -cinco nacionais e catro internacionais-, tres modelos de utilidade e rexistráronse cinco software. Ademais, neste mesmo ano fóronlle concedidas 14 patentes nacionais, dúas internacionais e un modelo de utilidade. En total o número de patentes nacionais activas en 2019 era de 232.

A asistencia ás xornadas é libre previa inscrición.

Comentar noticia

Your email address will not be published.