A EOXI de Vigo mellora a atención dos pacientes con silicose

A coordinación entre Atención Primaria e Hospitalaria posibilitou o diagnóstico e control de 300 pacientes con esta enfermidade na área sanitaria de Vigo
Por o 13/02/2018 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A EOXI de Vigo mellora a atención dos pacientes con silicose

A atención aos pacientes con Silicose experimentou unha melloría moi significativa na área sanitaria de Vigo durante o pasado ano. Así, desde hai seis meses, o servizo de Pneumoloxía puxo en marcha unha Consulta Monográfica desta patoloxía no Álvaro Cunqueiro e unha Vía Clínica especifica con Atención Primaria, que foi presentada nos centros de saúde dos concellos con máis incidencia poboacional da enfermidade, o de Porriño, Mos e Salceda de Caselas.

Con estas novas prestacións e servizos dáse resposta ás demandas da Asociación Osílice, de Porriño, que amosan a súa satisfacción coa atención actual recibida polo Servizo Galego de Saúde. De feito, é a única área galega con dispositivos de atención especifica para esta patoloxía.

Na Consulta de Silicose levan atendidos a 500 pacientes con sospeita de Silicose, e confirmouse o diagnóstico en 300 deles. O seu responsable, o pneumólogo José Blanco explica que “esta nova oferta sanitaria marcou un cambio substancial na atención a esta enfermidade. Ademais, seguiremos avanzando para que a atención sexa máis inmediata e personalizada, xa que na consulta dispoñemos dun “Xestor de casos”, profesional da enfermaría destinado a atender aos pacientes máis graves, co obxecto de coordinar a realización das probas e de estar dispoñible para que o paciente contacte con el directamente, de xeito telefónico, no caso de que presente algunha dubida ou necesite aclaracións“-.

En canto á Vía Clínica implantada con Atención primaria, trátase dun protocolo que establece un circuíto asistencial específico para estes pacientes, de xeito que cando un médico xeral teña sospeita dun novo caso, derive ao paciente directamente a esa consulta monográfica do hospital, sen ningún tipo de filtro ni tempos de espera.

14 transplantados na área de Vigo

A Silicose é unha enfermidade respiratoria producida por inhalación de po de sílice, que afecta aos pulmóns, formando cavidades que diminúen a capacidade pulmonar, e podendo causar graves danos. Ademais das dificultades para respirar, outros síntomas son a tose forte, debilidade, febre, perda de peso e dor no peito.

A enfermidade é incapacitante, incurable e irreversible. Por outra parte, ao debilitar as defensas do pulmón pode facilitar a aparición doutras patoloxías como a Tuberculoses, EPOC (enfermidade de obstrución pulmonar crónica), Cáncer de pulmón, etcétera. A forma máis común é a Silicose crónica, que pode ser simple e complicada. A simple é asintomática, de aí a importancia das revisións periódicas para realizar un diagnóstico, mentres que a complicada pode cursar con dificultades para respirar, tose forte, debilidade, febre, perda de peso ou dor no peito.

Na área de Vigo, historicamente, hai rexistrados un total de 14 pacientes transplantados de pulmón a causa deste enfermidade.

Prevención, a mellor ferramenta

Segundo datos da Asociación Osílice, esta enfermidade afecta a aproximadamente o 90 por cento das persoas que levan más de vinte anos expostas de xeito continuado ao po de sílice, traballadores das canteiras, serradoiros de pedra ou graveras. Hai tempo, a Silicose afectaba á poboación traballadora preto da xubilación, e aos xa xubilados, que non tiveran oportunidade de detectala e tratala ao seu debido tempo. Nos últimos anos, grazas ás novas medidas de prevención, tense producido un descenso significativo dos riscos de contraer a enfermidade no territorio español, aínda que seguen existindo pacientes sen diagnosticar.

“Hoxe en día a mellor ferramenta que se ten é a prevención no mundo laboral. A recomendación aos traballadores dos sectores expostos ao sílice é que extremen ao máximo as precaucións en canto a seguridade e hixiene laboral para garantir a súa saúde”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.