O equipo ciclista Superfroiz presenta a súa nova tempada no pazo provincial

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegura que os seus deportistas son “un inmenso orgullo para a provincia de Pontevedra”.
Publicado por o día 17/02/2017 na sección de Ciclismo,Deportes,Deputación de Pontevedra,Vigo

O equipo ciclista Superfroiz presenta a súa nova tempada no pazo provincial

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu hoxe o acto de presentación do equipo ciclista SuperFroiz, coincidindo co inicio da súa temporada deportiva. A presidenta, Carmela Silva, que presidiu o evento, asegurou que “é SuperFroiz porque todos e todas os que conforman este equipo de ciclismo son súper, non soamente porque son un club de elite, senón porque son un inmenso orgullo para a provincia de Pontevedra e moito máis alá, para toda Galicia e para o conxunto do Estado”.

Silva definiu ademais o SuperFroiz como “un equipo de referencia en ciclismo se non moito máis alá polos valores de traballo en equipo, de sacrificio, de ser capaz de adicar moitas horas para perseguir un proxecto común”, pois “o deporte é moi importante, o deporte crea unha sociedade mellor, ten a capacidade de facer que aquelas persoas, homes e mulleres que se adican a el sexan mellores cidadáns”. Neste sentido, para a presidenta da Deputación, “facer deporte ten que ser un impulso para ter mellores resultados e para formarse máis e para ter cidadáns comprometidos”

O club, que estrea equipamento coincidindo co inicio da temporada, “tamén aposta por favorecer que as persoas con diversidade funcional poidan realizar actividade deportiva, e tamén teñen grandes campións nestas áreas, e por tanto este é un gran club tanto polos resultados deportivos como polos resultados humanos”, asegurou Carmela Silva.

O club ciclista SuperFroiz foi creado en 1989, en Poio, e leva traballando na elite do ciclismo durante 28 anos. O propietario do equipo, Magín Froiz, interveu para desexarlles aos ciclistas “que desfruten co deporte, que sexan compañeiros, que non deixen de estudar nin de traballar para os ciclistas triunfar é moi difícil, o esforzo é tremendo”.

A presentación do equipo foi apadriñada polo veterano ciclista galego Ezequiel Mosquera, para quen o SuperFroiz “é un club que xa ten solera, eu nunca cheguei a correr pero si rivalizar con el nos meus anos, e ano tras ano foi collendo o caché que ten a día de hoxe, que é dos mellores, senón o mellor club de España, que non é fácil, nun país con tanta tradición ciclista estar ó nivel que está o SuperFroiz, ten que ser motivo de orgullo para unha cidade coma Pontevedra”.

Mosquera subliñou que “son moitos anos e moito investimento e iso vese reflectido na imaxe que ten o equipo” a paixón que lle pon Evaristo Portela, o director “a todo o seu equipo cada ano”. O veterano ciclista incidiu en que “hai unha aposta firme detrás ano tras ano e iso hai que agradecelo, porque nos anos que corren que unha empresa estea así, sustentando un deporte coma este… pois non abundan”

Pola súa parte, a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, quixo “desexarlles a todo o corpo técnico e por suposto aos deportistas o mellor para esta tempada que comezan”.