O equipo da Universidade consegue a permanencia na División de Prata do tenis galego

As e os integrantes da formación de atletismo participaron na carreira 10 km Vigo, Praia de Samil
Publicado por o día 23/05/2017 na sección de Deportes,Tenis,Universidade de Vigo,Vigo

O equipo da Universidade consegue a permanencia na División de Prata do tenis galego

O equipo masculino de tenis da Universidade de Vigo logrou esta fin de semana garantir a súa permanencia na División de Prata do tenis galego ao derrotar ao C. Tenis Foz por 4-3. A esta excelente noticia súmase o título de Liga Galega Sub 14 acadado polo Kaleido Universidade de Vigo de Rugby e a participación das e dos integrantes da formación de atletismo na carreira popular 10 km Vigo, Praia de Samil, unha das poucas probas homologadas pola Real Federación Española de Atletismo que se celebra en Galicia.

A vitoria acadada polo equipo masculino A de tenis nas pistas do campus comezou cun resultado favorable ao termo dos individuais por 3-2. “Empezamos cun resultado de 3-1, só nos faltaba un partido para a vitoria total, pero tras un agónico partido que estivo disputándose durante máis de tres horas e media o noso xogador non logrou gañar”, subliña Jorge Comesaña, capitán do equipo, ao tempo que explicou que, finalmente, xa nos dobres, a primeira parella logrou o triunfo ao gañar no tie-break do segundo set, mentres que a segunda perdeu no super tie-break.
Fronte á vitoria do primeiro equipo o masculino B, que tamén xogou no campus, caeu derrotado ante o Cambados por 3-4, polo que a vindeira semana terá que enfrontarse ao Tenis Porriño para tentar manterse en Primeira División e, ese mesmo fin de semana, o equipo feminino disputará o primeiro encontro da fase de ascenso.

A canteira do equipo de rugby demostra, por triplicado, a súa valía

O Kaleido Universidade de Vigo de Rugby logrou esta fin de semana facerse co título de campión da Liga Galega Sub14, título que se suma aos xa acadados nas categorías Sub16 e Sub18, o que confirma o bo momento da canteira do equipo vigués, que foi quen de acadar o pleno nas categorías de formación do rugby galego,

O equipo Sub14 dependía de si mesmo na última xornada e a vitoria no seu desprazamento a Pontevedra deulle o título na categoría. Conscientes do que se xogaban, o equipo saltou ao campo coa intención de pór o broche de ouro á tempada, intención que se converteu en realidade ao rematar o partido fronte ao Pontevedra RC cun marcador de 17-71, unha vitoria rotunda que os deixaba no máis alto dunha categoría “que esta temporada se amosou moi disputada”, tal e como subliñaron dende o equipo, desde onde fixeron tamén fincapé no importante aumento no número de fichas que presentaba Vigo en todas as súas categorías “evidenciando o bo momento polo que atravesa a canteira olívica e o gran traballo realizado na súa escola de formación”.