EQUO apoia a manifestación en contra da dilapidación de diñeiro público no Concello de Vigo

Publicado por o día 14/01/2015 na sección de EQUO,Política

EQUO apoia a manifestación en contra da dilapidación de diñeiro público no Concello de Vigo

A manifestación está prevista o venres, 16 de xaneiro, ás 20:00h, con comezo na Praza de América e remate na polémica rotonda de Coia.

Desde EQUO convidamos a toda a cidadanía viguesa, que ve con preocupación como se están a gastar os cartos públicos en obras publicas non necesarias neste momento, a acudir á manifestación organizada pola Asemblea Aberta de Coia pedindo máis investimentos na área de servizos sociais do Concello para afrontar a situación de emerxencia social que están a sufrir moitas veciñas e veciños.

EQUO considera un despropósito que, ante a situación de pobreza que está a sufrir parte da poboación viguesa e as constantes negativas de axudas sociais por parte do Concello, se utilice o diñeiro público en obras totalmente prescindibles e de corte electoralista, xa que non están xustificadas dende o punto de vista do ben común de toda a veciñanza.

Non compartimos as formas antidemocráticas de proceder do alcalde e do seu equipo por non preguntar polas necesidades sociais e que equipamentos, dos veciños daqueles barrios onde realiza esas obras.

Ademais condenamos as detencións inmorais efectuadas pola Policía Local e o uso privado que o alcalde está a facer da policía de Vigo.

Esperamos con inquedanza, e en prol da transparencia, que o alcalde facilite ou publique todos os custes que a obra de Coia nos está a supoñer a todos os contribuíntes.

NON PODE SER, OS CARTOS NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER!!

PRENSA EQUO