EQUO esixe a Xunta medidas exemplares contra os responsables da vertedura rio Tea

Publicado por o día 04/08/2014 na sección de EQUO,Política

EQUO esixe a Xunta medidas exemplares contra os responsables da vertedura rio Tea

Dende EQUO Pontevedra vivimos con moita tristeza e preocupación o grave suceso de contaminación do río Tea que aconteceu o venres. Por outra banda estamos expectantes e vixiantes ante cales van a ser as consecuencias dunha vertedura de 3 toneladas de sosa cáustica ao leito do citado río a altura dos concellos de Mondariz e Ponteareas.

Os datos din que se envelenou toda a fauna do río ao longo de dous quilómetros dende o punto da vertedura. Isto é un atentado medioambiental. Como pode ser que a unha empresa situada ao carón dun río se lle poidan escapar 3000 kg de sosa cáustica? Que clase de control tiña sobre ese produto? Que tipo de medidas especiais de almacenaxe tiñan sobre ese produto?

Queremos pensar que un vertido de 3000 kg non se escapa nun minuto.

Esperamos consecuencias graves para a empresa responsable da vertedura, xa que pola súa neglixencia o río Tea está totalmente morto durante case 3 km, dende o concello de Mondariz, e seguramente a súa recuperación será moi lenta, pois as zonas contaminadas poden seguir sendo velenosas durante uns meses.

Dende EQUO Pontevedra, esiximos á Xunta de Galicia e a Augas de Galicia que tomen medidas exemplares contra os autores desta vertedura, xa que acaban de arrebatarlle o río a toda a xente desa zona (teranse que prohibir o baño e outros usos) en moitos máis treitos que o totalmente contaminado. Ademais, o grave delito ecolóxico que pode ter moitas máis consecuencias que a morte de 500 kg de peixe de todo tipo, 8000 individuos de troita, salmón, escalo, anguía e cría de lamprea. Lembremos que este produto pode chegar a matar a moita máis fauna: flora, aves, mamíferos e anfibios, que aínda están sen cuantificar.

Xa vai sendo hora de levar á práctica a premisa de “quen contamina, paga”, tan de moda na boca dos nosos políticos pero que na práctica non significa nada. Solicitamos un estudo pormenorizado das consecuencias reais da vertedura (non só de peixes), e, unha vez rematado, a recuperación e descontaminación o antes posible do tramo de río afectado por este desastre medioambiental, facendo os plans e investimentos necesarios para devolverlle a fauna e flora roubada. Todos os gastos deberán ser sufragados pola empresa culpable do delito, neste caso Augas de Mondariz.

Deberanse esixir, por outra banda, medidas correctoras para que isto non volva a suceder. É unha vergonza ver como se suceden casos de contaminación nunha terra na que os nosos ríos son un dos nosos valores naturais que garanten o benestar medioambiental.

PRENSA EQUO PONTEVEDRA