EQUO lamenta a situación de corrupción en Galicia

Publicado por o día 06/02/2014 na sección de EQUO,Política

EQUO lamenta a situación de corrupción en Galicia

EQUO Galicia lamenta a situación de corrupción en Galicia e demanda responsabilidades aos gobernos locais implicados

  • “O coñecido grazas ao levantamento do segredo de sumario da “Operación Pokémon” está a bater contra Galicia de maneira tan enérxica coma o mar nestes últimos días. A xustiza debe ser contundente” afírmase dende EQUO Galicia.
  • “O silencio de certos responsables do PP e PSOE de Galicia respecto á suposta corrupción da que se lles acusa é tremendamente significativo. Poucas veces se dá a casualidade de ver aos dous principais partidos galegos tan de acordo”.

EQUO Galicia, organización política membro de AGE, denuncia que é necesario esixir responsabilidades políticas a todos os implicados na que xa é a maior trama de corrupción coñecida en Galicia, a Pokémon, con máis de cen imputados, e avoga por chegar ao fondo do asunto coa maior celeridade posible. “Non se pode reclamar e pedir tanto aos cidadáns mentres que os gobernos locais non cumpren nin o máis básico que se espera deles”.

Ademais, EQUO Galicia considera de auténtica gravidade a postura dos populares e socialistas galegos de unicamente ampararse na presunción de inocencia (a cal EQUO Galicia respeta) tendo en conta todos os datos coñecidos, e insiste en que deberían ser os propios partidos afectados os que deberían estar máis interesados en “limpar o po acumulado”. Para esta formación política, as palabras rexeneración e transparencia deben facerse efectivas e reais, polo que deben implementarse as medidas necesarias para conseguilo.

Dende EQUO Galicia agradécese tamén o labor dos medios de comunicación que axudan a que a noticia chegue aos galegos. “É tan importante saber a verdade como comunicala adecuadamente aos cidadáns. Eles teñen que saber quen os goberna e cales son os seus intereses reais”.

A nivel local, EQUO A Coruña únese á recente petición doutros partidos que reclaman a comparecencia de Carlos Negreira, alcalde da Coruña, para ofrecer unha explicación convincente sobre a trama da “Pikachu”, peza separada desta Operación Pokémon.

PRENSA EQUO GALICIA