EQUO ve con preocupación as fisuras na fronte ampla para Vigo

Publicado por o día 15/10/2014 na sección de EQUO,Política

EQUO ve con preocupación as fisuras na fronte ampla para Vigo

Contrariamente ao que está a suceder noutras cidades galegas e do resto do Estado, en Vigo intereses particulares están detrás da fragmentación en varios movementos da que debería ser unha fronte única alternativa aos partidos políticos tradicionais.

EQUO aposta desde os seus inicios polo radicalismo democrático, a equidade e a ecoloxía política, polo que sempre estamos dispostas a apoiar e traballar en iniciativas que poñan á cidadanía por diante dos intereses partidistas. Ese é o motivo de que vexamos con preocupación o número cada vez maior de supostas frontes cidadás que, no canto de sumar o esforzo de todos os movementos da esquerda alternativa, reproducen un xa tradicional enfrontamento que só favorece ao PP e ao PSOE.

Pouco nos importa que se chamen Reconquistemos Vigo, Marea de Vigo, Gañemos Vigo ou Xuntos Vigo. Se todas estas iniciativas non son quen de converxer nun único movemento realmente cidadán, no que os partidos políticos demostremos que somos capaces de ceder o protagonismo, fuxir de personalismos e sumar esforzos, non ten sentido que teñamos que escoller unha sobre outra.

Por iso, malia o noso desexo de avanzar cara a unha confluencia, en EQUO renunciamos a participar nos procesos postos en marcha en Vigo mentres no se produza un achegamento das diferentes posturas. En última instancia, serán as afiliadas e simpatizantes de EQUO Pontevedra na cidade olívica as que decidan se finalmente apoiamos unha iniciativa cidadá ou non.

PRENSA EQUO