‘ESCENAS DO CAMBIO’ traerá á cidade da cultura a Esther Ferrer e Isidro Valcárcel, dous tótems da arte da vangarda

Ambos abrirán o 7 de febreiro o programa de 17 pezas cunha performance coa comunidade de persoas xordas e cun obradoiro formativo, respectivamente
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Cultura,Eventos

‘ESCENAS DO CAMBIO’ traerá á cidade da cultura a Esther Ferrer e Isidro Valcárcel, dous tótems da arte da vangarda

A Cidade da Cultura de Galicia xa ten datas —do 7 ao o 16 de febreiro de 2019— para o festival máis vangardista das artes escénicas en Galicia, Escenas do cambio, no que se poderán ver dezasete obras escénicas, procedente de sete países (España, Portugal, Francia, Alemaña, Suíza, Polonia e Porto Rico) nunha programación que terá o privilexio de reunir nunha mesma edición a dous grandes referentes da vangarda, como son Esther Ferrer (Donostia, 1937) e Isidoro Valcárcel Medina (Murcia, 1937). Estes dous tótems da cultura contemporánea teñen cadanseu no seu haber o Premio Nacional e o Premio Velázquez de Artes Plásticas, os recoñecementos de máis prestixio neste eido en España.

Os dous teñen en común unha traxectoria ampla e referencial para varias xeracións de artistas en España e que se caracteriza por unha arte arriscada e ética que faga pensar ao espectador e que sorprenda. Ambos abrirán Escenas do cambio 2019 o día 7 de febreiro; Esther Ferrer cunha performance coa comunidade de persoas xordas de Galicia, Os voy a contar mi vida, mentres que Isidoro Valcárcel impartirá durante catro días un obradoiro, no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, e estreará nas escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego unha performance, Subida en tres actos, creada ex profeso para o festival.

Mais non son os únicas grandes figuras da programación desta edición, xa que o Festival de inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción do Gaiás contará con tres dos máximos representantes da danza contemporánea actual como son Vera Mantero (Portugal), Tino Sehgal (Francia) e Ligia Lewis (Porto Rico- Alemaña) e que son nomes que non faltan en festivais de renome como o de Avignon, unha das máis importantes manifestacións internacionais do espectáculo contemporáneo actual.

Estreas en Galicia e España

Nesta edición preséntase por primeira vez en Galicia o traballo da coreógrafa portuguesa Vera Mantero: Tres solos, que é parte da historia da danza, mentres que Tino Sehgal e Ligia Lewis serán os encargados de pechar Escenas do cambio con Sans titre (2000) e Minor matter, respectivamente, e que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional. Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival—cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade— así como pola presenza de pezas que aposten pola disidencia e o traballo en comunidade, dous relatos que están a construír a identidade do festival, dirixido desde os seus comezos polo vigués Pablo Fidalgo.

Traballos coa comunidade

Así, ademais do traballo coa comunidade de persoas xordomudas de Esther Ferrer en Os voy a contar mi vida; tamén o suízo Marco Berrettini en Ifeel4 contará con nenos e nenas de Compostela para configurar un coro con rapaces do Estudo Escola de Música. Deste xeito, o festival continúa a súa aposta por traballos interdisciplinares que achegan os mais novos ao mundo da escena contemporánea internacional. Nesta liña, os aclamados portugueses Ana Borralho e João Galante subirán ao escenario a adolescentes de Compostela, con idades comprendidas entre 18 e 23 anos, para que expoñan o seu xeito de ver e entender a vida en O gatillo da felicidade (Trigger of happiness).

A programación suma referentes internacionais de vangarda como a compañía italiana MOTUS que trae a Escenas do cambio con MDLSX, unha orixinal adaptación da afamada novela de Jeffrey Eugenides. Precisamente, o tema de xénero, a dualidade e a disidencia con respecto á propia identidade —que conforma tamén relato no que se artella o festival—poderá verse en pezas de François Chaignaud ou Alessandro Sciarroni.

Completan este cartel internacional os portugueses Maria Salgado e Fran MM Cabeza de Vaca co seu Jinete Último Reino e Flora Détraz con Tutuguri ; e a bailarina polaca Ola Maciejewska coa que veremos en acción o seu espectacular vestido danzante, protagonista de Loie Fuller: Research.

Novos proxectos de artistas galegos

Do mesmo xeito, esta quinta edición rexistra un especial interese en amosar novas propostas de creación galega, apoiando neste 2019 a artistas que presentaron o seu traballo en anos anteriores e que viron crecer a súa carreira a partir de Escenas do cambio. Así, nesta edición Melania Cruz e Tito Asorey presentan O empapelado amarelo, o seu proxecto coa recén creada formación A quinta do cuadrante; mentres que Diego Anido e Borja Fernández dan a coñecer o Colectivo Balboa co traballo O inevitable; e Celso Sanmartín a adaptación do seu libro A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez.

Comentar noticia

Your email address will not be published.