Escolares do CEIP Amaro Refojo conmemoran cunha plantación de árbores en Monterrei o Día Internacional dos Bosques

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, sumouse á actividade da Consellería do Medio Rural que ten como obxectivo concienciar á mocidade da necesidade de preservar os nosos montes
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Medio Ambiente

Escolares do CEIP Amaro Refojo conmemoran cunha plantación de árbores en Monterrei o Día Internacional dos Bosques

Como cada 21 de marzo hoxe conmemórase o Día Internacional dos Bosques. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na actividade organizada pola Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural dirixida aos escolares do CEIP Amaro Refojo de Verín e que se desenvolveu no monte da Atalaia próximo ao Castelo de Monterrei.

A actividade, que contou coa participación de 50 rapaces de 5º de Primaria, consistiu na plantación de 30 árbores de distintas especies autóctonas, complementada por unha charla didáctica sobre as consecuencias dos lumes e a restauración das zonas queimadas. Precisamente o lugar escollido para o acto, pertencente ao distrito forestal XIV Verín-Viana, sufriu un incendio en 2016. Plantáronse carballos americanos, aciñeiras, capudres, pradairos, abeleiras e bidueiros.

Díaz Mouteira trasladoulles aos escolares a necesidade de coidar o entorno natural e extremar as precaucións para preservalo dos danos causados polos lumes e sensibilizounos sobre o inmenso valor que ten o monte e da importancia de apostar polo carácter produtivo e sostible dos recursos forestais.

O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, e do xefe territorial do Medio Rural, Yago Borrajo.

Coincidindo con esta data, o departamento autonómico do Medio Rural organiza un amplo programa de actividades de difusión e de concienciación social en varios concellos, tendo aos escolares como protagonistas. Charlas, rutas guiadas e plantacións de árbores son as actividades máis repetidas estes días para conmemorar o coñecido popularmente como Día da Árbore.