Escolares do IES Luis Seoane de Monte Porreiro coñecen de primeira man o funcionamento dos composteiros

Mestres e mestras composteiros do Plan Revitaliza da Deputación e técnicos do CEIDA explicaron as fases da compostaxe para transformar o lixo orgánico en compost
Publicado por o día 22/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Escolares do IES Luis Seoane de Monte Porreiro coñecen de primeira man o funcionamento dos composteiros

Escolares do IES Luis Seoane de Monte Porreiro en Pontevedrarealizaron hoxe unha visita ao centro de compostaxe comunitaria da rúa Italia, onde aprenderon de primeira man o seu funcionamento. Da man dos mestres e mestras composteiros do Plan Revitaliza da Deputación e dos técnicos do CEIDA coñeceron cales son as fases da compostaxe para transformar o lixo orgánico en compost.

Esta visita, na que os rapaces e rapazas puideron incluso manexar algunha da ferramenta que utilizan os técnicos para facer a compostaxe (o aireador, o termómetro e a peneira), serviu para tamén desmitificar os supostos problemas que se producen durante o proceso. Todos e todas comprenderon que se trata dun modelo de xestión de lixo totalmente controlado na que o único que deben facer usuarios e usuarias é levar os restos de comida e vexetais ao módulo de aportación para que logo sexan os mestres e mestras composteiros os que se encargan de que non haxa nin cheiros nin se produzan outras disfuncións.

Os rapaces do Luis Seoane xa fixeron outras actividades previas de compostaxe no propio centro educativo. Teñen instalado un composteiro individual que dará servizo ao instituto, onde toda a comunidade educativa poderá depositar os restos de merendas e tamén ao lixo orgánico que se xere na cafetería e participaron en  obradoiros e charlas a cargo do persoal divulgativo do CEIDA

O IES Seoane manifestou o seu interese por traballar sobre compostaxe xa o pasado ano, coa intención de incluílo incluso como tema no deseño curricular das asignaturas de Bioloxía e Naturais.