Escolares e colectivos sociais de Pontevedra participaron na Andaina “sostible” da Deputación para celebrar o “Día Mundial das Cidades”

A celebración da xornada busca “concienciar de que a mobilidade urbana ten que ser sustentable e depende de nós”
Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Escolares e colectivos sociais de Pontevedra participaron na Andaina “sostible” da Deputación para celebrar o “Día Mundial das Cidades”

Máis dun cento de persoas, entre as que figuraron estudantes de Primaria e Secundaria de centros educativos da cidade, así como usuarios e usuarias de diversos colectivos sociais, participaron hoxe na andaina organizada pola Deputación en Pontevedra para conmemorar o “Día Mundial das Cidades”, baixo o lema “Mellor cidade, mellor vida. Solucións innovadoras e unha mellor vida para as futuras xeracións”. Con esta iniciativa, o Goberno provincial sumouse a esta celebración que a ONU realiza desde 2014, enmarcada nos eixos relacionados co desenvolvemento sustentable e a aposta pola transición ecolóxica.

Así, a deputada provincial responsable desta área, Iria Lamas, destacou na súa benvida ás e os participantes que a xornada busca “concienciarnos e mentalizarnos de que a mobilidade urbana ten que ser sostible e depende de nós”. Lamas, que estivo acompañada pola deputada Noemí Outeda, lembrou que na actualidade máis da metade da poboación mundial vive nas cidades e se espera que para 2050 a porcentaxe se achegue ao 70%. “Por iso temos que estar concienciados na mobilidade sostible _apuntou_. Depende de todos e todas nós que sexamos conscientes do que temos nas nosas mans e o que temos que deixar aos nosos fillos e fillas, o noso futuro”.

Na camiñada participaron estudantes do CEIP Vilaverde de Mourente e do IES A Xunqueira I, así como usuarias e usuarios das asociacións Xuntos e Xoán XXIII. Dúas guías lles acompañaron no percorrido que fixeron polos lugares máis representativos da cidade, e lles explicaron a súa historia e evolución. A andaina realizouse de forma simultánea á organizada pola Deputación en Vigo, na que participaron preto de duascentas persoas, e que contou coa presenza dos deputados provinciais Carlos López Font e Gorka Gómez e a deputada Ana Laura Iglesias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.