Escolares de Vigo aprenden a programar videoxogos, nun taller práctico organizado polo CPETIG

A sesión, que terá lugar o venres día 7 na sede de Afundación, reunirá a 60 participantes, entre rapaces, pais, nais e docentes
Publicado por o día 04/10/2016 na sección de Formación,Vigo

Escolares de Vigo aprenden a programar videoxogos, nun taller práctico organizado polo CPETIG

Un grupo de 15 escolares de Vigo, con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos, vai participar o venres, día 7 de outubro, acompañados polos seus pais ou nais, nun taller práctico de aprendizaxe para programar videoxogos con Scratch, organizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática, CPETIG, coa colaboración da Amtega.

Esta é a primeira vez que o alumnado de Vigo ten a oportunidade de achegarse á programación informática a través dos cursos de Scratch promovidos polo CPETIG, unha experiencia na que xa participaron en edicións anteriores 95 rapaces de Coruña e 60 de Santiago.

Ao obxecto de darlle itinerancia, a iniciativa chega o día 7 a Vigo para ampliar progresivamente o número de escolares de Galicia que acceden de forma lúdica e divertida ao coñecemento da programación informática como ferramenta didáctica, tomando conciencia da súa potencia como medio de expresión creativa.

A sesión, que terá lugar de 17.00 a 21.00 horas na sede de Afundación (Policarpo Sanz 26), está estruturada en dous niveis que se desenvolverán de xeito simultáneo, un deles para rapaces -acompañados durante a sesión de pais ou nais- e outro para docentes, co obxectivo de difundir os valores da programación informática na comunidade escolar. En total, a sesión vai reunir a 60 participantes, entre escolares e adultos.

O CPETIG considera necesario contar cun maior número de formadores especializados para poder ampliar a oferta formativa de Scratch en Galicia, ante os bos resultados ofrecidos nas edicións anteriores. Por iso, mentres os escolares aprenden a programar videoxogos, historias interactivas e storytelling no taller previsto este venres en Vigo, nunha sesión simultánea un grupo de docentes – profesorado non universitario, colexiados do CPETIG e do CPEIG- recibirá formación para adquirir os coñecementos necesarios para intervir como monitores en futuros eventos de Scratch.

A participación no taller supón, tanto para docentes como para escolares, a aprendizaxe da utilización de Scratch como factor creativo e motivacional, utilizado con obxectivos didácticos. O Scratch é unha ferramenta baseada en pezas encaixables que sirven para construir pequenos programas que permiten iniciar ao alumnado na linguaxe de programación dun xeito simple e intuitivo, pero eficiente.

A inscrición neste curso de Scratch é de balde. https://curso-scratch- vigo.eventbrite.es/