Esgotadas en 24 horas todas as prazas para a ruta ornitolóxica “Voando nas rías baixas” que percorrerá o esteiro do Miño e a foz da Ramallosa

Este espazo natural será escenario do segundo dos tres roteiros gratuítos impulsados este ano pola Deputación de Pontevedra coa colaboración de SEO BIRDLIFE
Publicado por o día 24/01/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Esgotadas en 24 horas todas as prazas para a ruta ornitolóxica “Voando nas rías baixas” que percorrerá o esteiro do Miño e a foz da Ramallosa

En menos de 24 horas desde que se abriu o prazo de inscrición, xa están esgotadas as 30 prazas dispoñibles para a segunda ruta ornitolóxica da campaña “Voando nas Rías Baixas”, que terá lugar o vindeiro 4 de febreiro e que percorrerá o esteiro do Río Miño e a foz da Ramallosa, nunha ruta organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO BIRDLIFE.

A ruta polo esteiro do Río Miño e a foz da Ramallosa coincidirá cos actos de celebración do Día Mundial das Zonas Húmidas polo que o persoal especializado de SEO BIRDLIFE, que guiará a ruta e facilitará material para poder avistar as diferentes aves, tamén achegará información sobre a importancia das zonas húmidas para o ser humano e para a natureza en xeral.


O esteiro do Río Miño e a foz da Ramallosa trátanse de zonas cunha grande variedade de hábitats. Así, falamos de zonas especiais de conservación e zonas de especial protección para as aves e nelas acóllense milleiros de aves de invernada ou que empregan o espazo no seu tránsito cara o Sur. Así, podemos atopar limícolas como mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías como patos, garzas, mergullóns ou pentumeiros. Tamén se poden ver aves rapaces, entre as que destacan a gatafornela, o lagarteiro cincente e a aguia peixeira, podendo observar a súa espectacular forma de pesca.

Xunto á ruta polo esteiro do Río Miño e a foz da Ramallosa,  conforman “Voando nas Rías Baixas” a visita guiada ao Complexo Intermareal Umia-O Grove (que tivo lugar a pasada fin de semana) e ás Brañas de Xestoso (en maio de 2018). A campaña forma parte das actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo, presentado hai unha semanas xa que se trata dunha oportunidade de diversificar o turismo na provincia de Pontevedra ao tempo que sensibilizamos á cidadanía local sobre a necesidade de preservar estes espazos protexidos.

Cada unha das rutas ornitolóxicas do programa da Deputación de Pontevedra “Voando nas Rías Baixas” conta con prazas limitadas, xa que o grupo non poderá exceder de trinta persoas ao tratarse dunha actividade que non pretende ocasionar impacto ambiental sobre estas zonas protexidas. Polo tanto, para garantir a operatividade da actividade, só poderán participar aquelas persoas que estivesen correctamente inscritas.

A Deputación de Pontevedra está a apostar polo turismo ornitolóxico como unha nova modalidade para coñecer a provincia. Deste xeito, xunto con estas novas rutas, a institución provincial patrocinou no 2017 o documental “España, la tierra prometida” na que as Rías Baixas protagonizaron tres dos catro capítulos que o conforman.