Esgotadas as prazas dos roteiros sobre ponte do Burgo para adultos

Tan só quedan prazas dispoñibles nos roteiros infantís, para rapaces e rapazas de máis de 5 anos, que poden inscribirse en apuntate.pontevedra.gal
Publicado por o día 02/08/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Esgotadas as prazas dos roteiros sobre ponte do Burgo para adultos

As 21 prazas de cada un dos roteiros sobre a Ponte do Burgo programados para os mércores 12, 19 e 26 de agosto xa están esgotadas. Trátase dos roteiros deseñados para adultos e que terán lugar entre as 21h e as 22:30h e que rematarán cun petisco no Mercado municipal. Nas mesmas datas, en horario de 19h a 20h, tamén se programan roteiros infantís, para rapaces e rapazas a partires de 5 anos, nos que neste momento aínda quedan prazas libres. A participación é de balde, mais é preciso facer unha inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal.

Esta iniciativa forma parte da “inauguración espallada” da remodelación da ponte do Burgo, e que terá o primeiro acto o vindeiro martes 4 de agosto. Neste día ás 22h está prevista a apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo, ás 22:30h darase paso ao primeiro acendido monumental da ponte e ás 23h ao acendido ornamental con luces de cores que durará ao redor dun minuto. O acendido da nova iluminación acompañarase cunha actuación do cuarteto de corda da Orquesta Filharmónica Cidade de Pontevedra que interpretará as pezas ‘A primavera’ e ‘O verán’ de Vivaldi. Tanto a iluminación como a actuación musical poderán seguirse desde ambas marxes do río entre a ponte de Santiago e a ponte da Correntes, o que supón un espazo de 1,5 kilómetros e que permite gardar distancias sociais e manter medidas de seguridade.

Ademais tanto o acendido monumental como o ornamental repetiranse todos os días ás mesmas horas.

Convén lembrar que o proxecto de iluminación da ponte inclúe luces na superficie encaixadas no pavimento, iluminación en altura con elementos integrados na varanda, e elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realzan a traza dos arcos, a súa estrutura e forma.

As obras de remodelación da ponte e da súa contorna comezaran o 7 de marzo do pasado ano e foran adxudicadas por un orzamento de 2.057.000 euros. O proxecto premitiu acondicionar un espazo público de referencia na cidade, dotándoo de preferencia peonil e apostando pola recuperación e posta en valor do patrimonio que representa. Así, actuouse en elementos da propia ponte, como o taboleiro e a varanda, implementouse un ambicioso proxecto lumínico, modificouse o entronque coa praza Valentín Garcia Escudeiro (cabeceira sur) co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte seguindo a traza histórica do Camiño, e remodelouse por completo o entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (cabeceira norte), eliminando a rotonda de tráfico rodado e creando unha nova praza con deseño e mobiliario acordes co modelo Pontevedra.

O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.