Esgotadas en pouco máis de 24h as 200 prazas para a depoandaina da Fervenza de Callobre na Estrada

A ruta, a segunda da quinta edición das Depoandainas, realizarase o domingo 30 de agosto. A última andaina do ano, xa en setembro, percorrerá o Val das Fadas, na Cañiza
Publicado por o día 11/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Esgotadas en pouco máis de 24h as 200 prazas para a depoandaina da Fervenza de Callobre na Estrada

Ao igual que aconteceu coa primeira, a segunda das rutas ofertadas este ano no marco do programa Depoandainas esgotou en pouco máis de 24 horas as 200 prazas para o percorrido pola fervenza de Callobre na Estrada. A ruta, enmarcada na quinta edición do programa de camiñadas impulsado pola Deputación de Pontevedra, realizarase o domingo, 30 de agosto. Xa en setembro terá lugar a última andaina polo Val das Fadas, na Cañiza.

Esta segunda ruta, trala primeira polos muíños de Moaña realizada a pasada fin de semana, levará o 30 de agosto ás e aos participantes ata o concello da Estrada, para realizar un itinerario circular de 14 quilómetros e dificultade media. A ruta iniciarase na praza do concello, en pleno casco urbano, e dirixirase á praia fluvial de Liñares para encamiñarse cara a Fervenza de Callobre. Coas novas medidas de seguridade derivadas da covid-19, as e os participantes deberán desprazarse ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará un monitor ou monitora e serán repartidos en grupos reducidos, cun máximo de 25 persoas.

Esta quinta edición das Depoandainas, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade, arrancou a pasada fin de semana coa camiñada pola ruta dos Muíños de Moaña e continuará a finais de agosto pola Estrada. A derradeira camiñada, tamén de 200 prazas, terá lugar o 20 de setembro e levará ás e aos participantes ata a Ruta do Val das Fadas, no concello da Cañiza. Neste caso, a apertura do prazo para anotarse comezará o 31 de agosto e pecharase o 14 de setembro ás 12 horas. Para poder realizar estas actividades será preciso inscribirse previamente no sitio web da institución (www.depo.gal).

As Depoandainas son un programa gratuíto da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo, no marco do decidido compromiso da institución provincial co Medio Ambiente. Este verán as Depoandainas enmárcanse en “Vive Deporte”, unha iniciativa da institución provincial que ten programadas entre xullo e setembro unha trintena de rutas, andainas e actividades de orientación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.