Esgotadas en tres horas as prazas para a primeira ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas” 2019

Un total de 25 persoas desfrutarán da iniciativa, de xeito totalmente gratuíto, o vindeiro 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa
Publicado por o día 09/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Esgotadas en tres horas as prazas para a primeira ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas” 2019

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos de tres horas as 25 prazas dispoñibles para a primeira ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas” 2019 polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, que se desenvolverá o 20 de xaneiro. Trátase dunha iniciativa para achegar ao público interesado, de xeito totalmente gratuíto, a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra, que a institución provincial ten en marcha en colaboración con SEO Birdlife. Tras o éxito de “Voando nas Rías Baixas” o ano pasado, agora decidiuse aumentar a oferta e incrementar ata 5 o número de prazas dispoñibles con dúas rutas ornitolóxicas máis que en 2018.

Ás nove da mañá de hoxe abriuse o prazo para esta primeira ruta, polo Val Miñor e o Baixo Miño, que pouco antes das 12 xa tiña as súas 25 prazas cubertas. Esta ruta ornitolóxica vaise desenvolver o próximo 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, unha zona protexida pola Rede Natura 2000 e cunha gran variedade de aves palustres. A duración de cada unha das rutas de “Voando nas Rías Baixas” é dunha mañá e durante a actividade, as e os participantes estarán acompañados/as de dúas persoas monitoras ornitólogas e terán á súa disposición, de xeito gratuíto, o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.

A segunda das rutas terá lugar o 10 de febreiro para observar as aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón. O prazo de inscrición abrirase entre o 28 de xaneiro e o 5 de febreiro. O 3 de marzo será a ruta da reserva ornitolóxica do Grove, un espazo protexido pola Rede Natura e declarado tamén zona húmida de importancia internacional, Zona de Especial Interese Comunitario e a reserva ornitolóxica máis grande de España. O prazo para participar nesta ruta, na que destacan as súas aves acuáticas invernantes, abrirase do 18 ao 26 de febreiro. A cuarta ruta desenvolverase o 19 de maio nas Brañas do Xestoso, zona declarada de Especial Conservación e protexida pola Rede Natura, onde se concentran aves rapaces como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira. Para anotarse, o prazo será entre o 6 e o 14 de maio. A última ruta terá lugar na Serra do Suído o 16 de xuño para observar as grandes rapaces como o voitre leonado, a aguia calzada, o abelleiro europeo, a aguia cobreira ou o miñato. O prazo para inscribirse irá do 3 ao 11 de xuño.

“Voando nas Rías Baixas” é un programa enmarcado no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Cómpre lembrar que o turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais de conseguir este obxectivo, esta actividade tamén vai acorde con outra das liñas estratéxicas do Plan que formula a necesidade de diversificar o turismo ao tempo que sensibiliza á cidadanía sobre a preservación dos espazos naturais.