Esixen que os orzamentos da Xunta garantan a recuperación dos dereitos arrebatados ás empregadas e empregados públicos

O sindicato afirma que o Goberno galego debe abrir unha mesa xeral para negociar o reforzamento dos cadros de persoal e os prazos en que se faría efectivo
Publicado por o día 15/11/2016 na sección de CC.OO,Sindicatos,Vigo

Esixen que os orzamentos da Xunta garantan a recuperación dos dereitos arrebatados ás empregadas e empregados públicos

Comisións Obreiras (CCOO) esixe que os orzamentos da Xunta do 2017 garantan a recuperación dos dereitos que nos últimos anos lles foron arrebatados ás empregada e empregados públicos. Ramiro Otero, coordinador da Área Pública do sindicato, pídelle ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez — que repite no cargo—, un cambio de políticas e a fin dos recortes no ámbito da Xunta.

Segundo o voceiro de CCOO, «se é certo, como predican, que nos atopamos na senda da recuperación», os orzamentos deben ser «substancialmente diferentes» aos dos últimos exercicios para responderen a esta premisa.

Otero lémbralle ao conselleiro que aínda está pendente a devolución dos complementos específicos das pagas extras de xullo e decembro entre 2013 e 2016, ademais da recuperación da perda do poder adquisitivo dos últimos seis anos.

Reposición do emprego público perdido

O sindicalista tamén lle sinala ao responsable de Facenda que cómpren melloras nun aspecto «fundamental» como é a reposición dos postos de traballo que se destruíron. Neste senso, pide a apertura dunha mesa xeral para negociar o incremento dos actuais cadros de persoal, «moi deficitarios, por non dicir baixo mínimos en moitos casos», así como os prazos en que se faría efectivo o dito aumento.

Por último, Otero esíxelle a Valeriano Martínez un «cambio» nas súas relacións cos sindicatos; concretamente, que lles dea información «de primeira man» sobre a confección dos orzamentos. «A estas alturas aínda non fomos informados nin tampouco convocados a negociar», conclúe o sindicalista.