Esixen unha mesa de negociación para transformar máis de 5000 postos eventuais en emprego «fixo e de calidade»

O sindicato asinou o acordo estatal para a mellora do emprego público como primeiro paso para a transformación do emprego temporal en fixo e a posterior recuperación dos postos de traballo perdidos
Por o 05/04/2017 | Sección: CC.OO,Emprego,Sindicatos,Vigo
Esixen unha mesa de negociación para transformar máis de 5000 postos eventuais en emprego «fixo e de calidade»
Compartir en:

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia considera que o acordo alcanzado na mesa xeral para as Administracións públicas do Estado é un «primeiro paso na boa dirección», isto é, para regularizar todo o emprego público temporal e convertelo en emprego «fixo e de calidade».

Para este efecto, o sindicato esixe a constitución dunha mesa de negociación no ámbito da función pública para converter máis de 5000 postos temporais de persoal funcionario e laboral en fixos, incluíndo na oferta pública de emprego (OPE) do 2017 polo menos un terzo deles.

Para a FSC-CCOO, este «importante acordo de emprego» debe complementarse con outro verbo da recuperación de retribucións e dereitos laborais suprimidos polos reais decretos leis 8/2010, 20/2012 e sucesivas leis de orzamentos de Galicia, que recortaron dereitos laborais e sociais. Por esta razón, o sindicato insta a Xunta a que este ano se chegue a un pacto para a recuperación de retribucións, na liña do asinado para a recuperación da parte adicional das pagas extra.

O sindicato tamén quere complementar o acordo estatal con outro propio de Galicia, co obxectivo de restablecer o emprego destruído desde o 2012, fundamentalmente pola amortización de prazas e a non reposición de xubilacións e demais baixas vexetativas. A xuízo de CCOO, as taxas de reposición «restritivas» impediron manter o emprego necesario «para un bo funcionamento dos servizos públicos».

Un «bo acordo» para complementar con outros pactos

Para a FSC-CCOO, un acordo que vai regularizar case 300.000 postos no Estao é «un bo acordo», mais agora é o momento de desenvolvelo en cada comunidade autónoma e complementalo con outros acordos retributivos e de recuperación de dereitos. Así mesmo, o sindicato quere que en futuras OPE, ademais da regularización do emprego temporal, se creen novas prazas «para asegurar servizos públicos de calidade para o conxunto da cidadanía».

Como xa se indicou, o acordo estatal é o primeiro paso, sen o cal non se poden desenvolver os demais obxectivos. Esa foi a razón pola que CCOO o apoiou, pero ao tempo negouse a asinar a proposta de incremento salarial do 1 % que impón o Goberno central, pois está moi por baixo da previsión do IPC, que podería chegar aos dous puntos no remate do ano.