ESPAZO amosa o seu apoio ao proceso constituínte das Mareas en Común e considera necesario someter a referendo a posición de En Marea sobre a investidura

Publicado por o día 14/04/2016 na sección de Espazo Ecosocialista,Política

O Consello Dinamizador de ESPAZO [Ecosocialista] reuniuse este mércores 13 de abril co fin de concretar os acordos marcados pola Comunidade Aberta (máximo órgano entre asembleas) celebrada o pasado 19 de marzo.

Para ESPAZO dous son os obxectivos centrais neste período: asentar, por unha banda, o proceso da MAREA como bloque político-social de cambio, necesariamente aberto e en permanente construción, e, por outra banda,  reagrupar nun novo espazo, no marco do proceso da MAREA, a nova esquerda galega.

1

Para os ecosocialistas corresponde ás Mareas Municipalistas, agrupadas en MAREAS EN COMÚN, ser o elemento vertebrador do proceso da MAREA, teñen que ser a súa estrutura de contacto coa xente e deben buscar procesos de coordinación que lles permita despregar ao máximo as súas potencialidades.

Ademais, o proceso da MAREA debe ter un momento constituínte onde, na procura de liñas de consenso e síntese, se acorden relato, programas, código ético, mecanismo de elección de candidaturas e políticas de alianzas; por iso,desde ESPAZO apoiamos a proposta de Marea Viva, acordado por MAREAS EN COMÚN,   como único espazo de construción de unidade popular sustentada mo principio de democracia radical de “unha persoa, un voto” en pe de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte.

Este carácter nitidamente cidadá non entra en contradición coa necesaria suma de forzas partidarias que deberan diluír a súa praxe para que non haxa ningunha dubida sobre o seu escrupuloso respecto as decisión do colectivo común.

2

ESPAZO apoiou nas pasadas eleccións xerais a EN MAREA, a pesar de ser consciente das limitacións que un formato de coalición electoral partidario tiña para canalizar a participación cidadá e o control democrático da sociedade,na procura de que se concretase o compromiso da construción dun suxeito político galego.

O Consello Dinamizador de ESPAZO considera que a construción dese suxeito político unitario pasa, máis aló de declaracións retóricas ou debates sobre formulacións xurídicas, por actuacións políticas que impliquen á cidadanía da nación arredor da súa toma de decisións.

Así, para os ecosocialistas,é fundamental que nun tema tan importante como a posición de EN MAREA a respecto da investidura do goberno central sexa consultada a súa base social a través dun referendo.

3

ESPAZO cre que existen diferentes sectores partidarios, que hoxe xa culminaron o seu ciclo vital, e persoas orfas con capacidade suficiente para abordar un proceso que culmine, nun período breve, na constitución desa forza política galega transversal no nacional, democrática no político e de esquerdas no programático. Nese senso ESPAZO intentará concretar no próximo tempo procesos de confluencia, tras unha primeira rolda de conversas con colectivos e persoas.

PRENSA ESPAZO ECOSOCIALISTA