ESPAZO analiza a folla de ruta para o cambio sobre a nova cartografía política de EN MAREA

Por o 09/01/2016 | Sección: Espazo Ecosocialista,Política
ESPAZO analiza a folla de ruta para o cambio sobre a nova cartografía política de EN MAREA

O Consello Dinamizador do Colectivo Político ESPAZO reuniuse o 30 de decembro para valorar o resultado das pasadas eleccións xerais e formular a iniciativa política no novo período:

  1. Os resultados das pasadas eleccións veñen a confirmar a demanda  cidadá de construír unha nova democracia,  referenciada no 15M, e onde o bipartidismo ‘turnista’, prevalecente durante case corenta anos, deu paso a un modelo  plural no político con novas forzas emerxentes, e onde Podemos escenifica o instrumento referencial para o cambio de réxime que terá unha vertebración necesariamente plurinacional en base a diferentes proxectos aliados (En Comú, Compromis, En Marea)
  2. O éxito electoral de En Marea, segunda en numero de votos e converténdose na forza en condicións de vertebrar a alternativa ao goberno Feijoo, ten moito que ver coa construción dun relato político novidoso superador dos vellos  discursos ideoloxicistas e identitarios que impedian ser hexemónicos á vella esquerda e ao nacionalismo clásico. Este éxito electoral, conseguindo todos os criterios esixidos para a consecución dun grupo parlamentar propio e dous senadores, amosan tal como diciamos desde ESPAZO, quenon se trataba so de agregar aritmeticamente senón de renovar as formas e o fondo da acción política.
  3. Agora ben, tal como xa indicamos en multiples ocasións, se queremos que o éxito electoral vaia acompañado dun éxito político, que non frustre as esperanzas depositadas en EN MAREA, debe abordarse a fondo a construción dun espazo participativo, apropiado polas persoas, e onde as mareas municipalistas e os movementos sociais non sexan so a infantería dun proxecto dirixido polas cúpulas partidarias, senón que se instalen no posto de mando do proxecto.
  4. Para ESPAZO a cartografía da transformación ten que debuxarse sobre unha paisaxe contres dimensións:

EN MAREA como bloque político-social do cambio, necesariamente aberto e en permanente construción, pero alonxando o perigo do permanente reinicio ou reinterpretación, da sospeita de cuestionar os avances políticos en aras de sumar os restos de proxectos esgotados, ou  da tentación de construírse na suma cultural das partes en lugar de construír unha cultura e simboloxía común necesariamente nova.

–  O ENCONTRO por unha Marea Galega como polo cidadá necesario para equilibrar adecuadamente a excesiva presenza dos aparatos dos partidos e das súas dinámicas competitivas.

–  Os Partidos como instrumentos políticos necesarios pero que obrigatoriamente abordenun proceso de refundación que lles permita ter a dimensión numérica e a fortaleza intelectual que esixe o novo tempo. ESPAZO naceu para confluír nun proceso de reagrupamento da esquerda nacional, aínda pendente. Necesariamente, xunto con Podemos como forza estatal de cambio, debe articularse a nova esquerda galega. Existen hoxe diferentessectores partidarios e persoas independentes de prestixio con capacidade suficiente para abordar un proceso que culmine nun período breve na constitución desa forza política galega, transversal no nacional, democrática no político e de esquerdas no programático.

PRENSA ESPAZO ECOSOCIALISTA