ESPAZO cre necesario consolidar EN MAREA como un partido de novo formato

Os ecosocialistas apostan polo desenvolvemento dos acordos da asemblea constituínte de EN MAREA arredor do liderado de Luís Villares
Por o 10/10/2016 | Sección: Espazo Ecosocialista,Política
ESPAZO cre necesario consolidar EN MAREA como un partido de novo formato

O Consello Dinamizador do Colectivo Político ESPAZO reuniuse este pasado fin de semana para facer balance da campaña das autonómicas nas que os seus membros participaron como adheridos ao partido político de EN MAREA.

ESPAZO valora como moi negativo, para os dereitos das persoas e para o autogoberno, a vitoria do PP e a continuidade do goberno de Núñez Feijoo.

Non obstante, entende que nun contexto hexemonizado pola dereita e de bloqueo na gobernabilidade do estado resulta positivo que EN MAREA, na súa primeira convocatoria electoral, se teña convertido na segunda forza do parlamento galego e que se sitúe a Luís Villares como líder da oposición.

ESPAZO cre necesario consolidar EN MAREA, como un partido de novo formato para o que cre que agora hai que traballar como un colectivo cohesivo, pensando exclusivamente no ben común da xente e nos intereses do proxecto común conformado por persoas, en detrimento dos intereses de partes, seguindo a folla de ruta definida polos acordos da asemblea constituínte celebrada o pasado 30 de xullo en Vigo.

Así, desde maio de 2015  ESPAZO ten apostado claramente por unha marea de adscrición individual e cun protagonista claro das Mareas Municipalistas, primeiro nun traballo de construción de redes e elaboración documental, tal como fixo de xaneiro a xullo as Mareas en Común, e desde a asemblea constituínte procurando por o capital político e humano das Mareas ao servizo da nova EN MAREA.

Agora faise necesario que o proceso asembleario que deu lugar ao nacemento de EN MAREA como partido avance na consolidación dunha organización de novo formato plural de activistas (contrario á política de intereses corporativos de parte como na vella En Marea) e con capacidade construtiva horizontal das Mareas (non como meras delegacións territoriais dun proxecto centralizado e verticalizado).

Nesa liña, faise fundamental que a inminente elección do Consello de Mareas se faga pola maior participación das persoas inscritas, que permitan arroupar a Luís Villares coas persoas máis capacitadas para a dirección política e para a  coordinación do proxecto, indistintamente do espazo de procedencia.

ESPAZO celebrará cara a finais de ano a súa 4ª Asemblea Nacional para afondar nas liñas aprobadas na súa anterior asemblea de reforzar o movemento de Mareas e apostar por construír unha Marea Galega que sexa a expresión da esquerda nacional galega para a primeira metade do século XXI.

Cabe recordar que na súa 3º asemblea (celebrada en Ames o 3 de outubro de 2015) ESPAZO transformouse de partido a colectivo precisamente para intervir politicamente desde o campo das ideas e neutralizar calquera tentación de actuar con interese grupal en defensa dos seus membros, tal como o ven demostrando na súa practica.