ESPAZO e EQUO abren un proceso de confluencia política para o reagrupamento da esquerda verde e renovadora

As forzas do ecoloxismo político apostan polo proceso de radicalidade democrática que representan as Mareas en Común
Publicado por o día 27/04/2016 na sección de EQUO,Espazo Ecosocialista,Política

A Mesa Nacional de EQUO Galicia e o Consello Dinamizador de ESPAZO [Ecosocialista] iniciaron conversas para avanzar na construción dun referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista, como parte do reagrupamento da esquerda galega renovadora do século XXI desde o soberanismo cívico, a sustentabilidade ambiental, a xustiza social global, a cultura da paz, os dereitos civís e a radicalidade democrática.

O proceso de confluencia, que será debatido nas próximas semanas polas persoas de ambas organizacións e aprobado polas asembleas de ESPAZO e EQUO Galicia, culminaría nunha asemblea de confluencia o próximo sábado 21 de maio.

As direccións de EQUO Galicia e ESPAZO están a traballar no relatorio político e no modelo organizativo que enmarquen esta confluencia da esquerda verde galega nunha Cooperativa Política Galega.

ESPAZO e EQUO Galicia apostaron desde os seus primeiros pasos por fortalecer procesos de confluencia políticos transversais que superaran as divisións preexistentes sustentados en posicionamentos ideolóxicos pechados,dando resposta ás demandas e intereses da maioría social.

Cabe destacar, nese senso, que EQUO Galicia e ESPAZO foron dous dos partidos que conformaron AGE para as eleccións autonómicas do 2012, primeira ‘experiencia’ de confluencia, hoxe superada polos seus limites no formato. Igualmente participaron no proceso que deu lugar a En Marea para as pasadas eleccións xerais aínda que non compartiron o seu formato sen participación cidadá.

Para ESPAZO e EQUO Galicia correspóndelle ás Mareas Municipalistas, agrupadas en MAREAS EN COMÚN, ser o elemento vertebrador do proceso da MAREA de carácter nitidamente cidadá que poida sumar as forzas partidarias que deberan diluír a súa praxe para que non haxa ningunha dubida sobre o seu escrupuloso respecto ás decisión do colectivo común.

EQUO Galicia e ESPAZO amosan o seu apoio á iniciativa Marea Viva, proposta por MAREAS EN COMÚN, como único espazo de construción de unidade popular sustentada no principio de democracia radical de “unha persoa, un voto” en pé de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte e ao que se pode incorporar colectivos políticos e sociais.

PRENSA ESPAZO