Espazo Ecosocialista acusa a Xunta de Galicia de deixación de funcións na loita contra a pobreza

Publicado por o día 17/10/2014 na sección de Espazo Ecosocialista,Política

Espazo Ecosocialista acusa a Xunta de Galicia de deixación de funcións na loita contra a pobreza

No Día Internacional pola Erradicación da Pobreza

Espazo Ecosocialista considera que o ‘turbocapitalismo’ xa amosou dabondo o seu rostro máis terrible e acusa a Xunta de Galicia de deixación de funcións na loita contra a pobreza

A situación Social de Galicia é absolutamente dramática para unha boa parte dos seus cidadáns: máis de 650.000 galegos e galegas viven a día de hoxe por baixo do limiar da pobreza, máis de 93.700 fogares galegos teñen a tódolos seus membros en idade de traballar no desemprego, menos da metade dos demandantes de emprego en Galicia (341.105 persoas) cobran a prestación ou o subsidio.[1]

Son datos dunha políticas auspiciadas polos grandes oligopolios e o capital especulativo, seguidos automaticamente polos gobernos e que demostran que o ‘turbocapitalismo’ amosou o seu rostro máis terrible.

Para Ecosocialistas non hai outro camiño que cuestionar de raíz as políticas económicas levadas adiante polos distintos gobernos da UE e afrontar un proceso de reconstrución do marco político e democrático sen o secuestro dos ‘mercados’.

Ademais Espazo Ecosocialista considera inmoral que as institucións diante desta situación pretendan quitarlle as persoas pobres e en risco de exclusión social os seus dereitos cidadáns para volver a tratalos como beneficiarios de esmolas e caridade.

Cabe recordar que o informe elaborado polos directores e xerentes de Servizos Sociais sobre Dereitos-Economía-Cobertura das Políticas Sociais en España (INDICE DEC)[2] volve a situar a Galicia na cola das comunidades autónomas en políticas sociais.

Caendo no 2013 por cuarto ano consecutivo, un 1,7%(de 519,9 a 509,9 millóns de euro)  e moi lonxe dos 661,9 millóns do ano 2009. (na serie 2009-2012 perdese 18,65 puntos porcentuais). Galicia é a segunda comunidade autónoma que recorta máis os seus orzamentos en políticas sociais.

O Índice 2013  sitúa a Galicia no posto número 13 nas políticas sociais das comunidades autónomas e, o que é un síntoma máis grave, aparece cunha puntuación global de 3,65  puntos sobre 10 e cualificado como IRRELEVANTE, nun baremo onde existen as categorías de Excelente, Alto, Medio Alto, Medio, Medio Baixo, Débil e Irrelevante (no informe 2013 tiña unha puntuación de 5,1 e cualificación de Débil)

Ademais, os Servizos Sociais non acadan Excelencia en ningún dos tres aspectos analizados polo informe (Dereitos e decisión política, Esforzo económico e Cobertura)

En Materia de Dereitos e decisión política, Galicia conta cunha nova lei de Servizos Sociais que garante dereitos subxectivos, pero non se ten desenvolvido nin o Catalogo nin a Carteira deses dereitos.

Cabe destacar que ademais esta valoración negativa dáse nun momento onde perigan os servizos sociais tal como os coñecemos. A aprobación polo Consello de Ministros do anteproxecto da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local; de non modificarse a redacción actual, suporá o desmantelamento efectivo do cuarto piar sobre o que se sustenta o Estado do Benestar Social. En concreto o artigo sete, que modifica o artigo 26 da vixente Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de Réxime Local sobre competencias dos concellos, e especificamente dos Servizos Sociais. A nova Lei xera incerteza e preocupación cando sinala que a única competencia propia dos Concellos neste ámbito será, “a avaliación e información de situacións de necesidade e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social”.

Espazo Ecosocialista considera moi grave, nun momento onde a exclusión social e a pobreza medra que se poida desmantelar os Servizos Sociais e que se derive cara a organizacións de beneficencia o que ata agora son considerados dereitos da cidadanía.

A reforma da administración local en marcha pretende, non so recortar dereitos como se fai na sanidade ou no ensino, senón desmantelar os servizos sociais construídos nos últimos 30 anos.

A xunta de Galicia debe dar cumprimento do Pacto Galego contra a Pobreza e a adopción dun plan de emerxencia.

Espazo Ecosocialista asume como propias as propostas da EAPN e da Coordinadora Galega de ONGDs, así como a vontade de participar nos actos reivindicativos e de sensibilización convocados para o  día internacional de erradicación da pobreza.