Espazo Ecosocialista denuncia a campaña de acoso contra os preferentistas e amosa o apoio ao compañeiro Lois Baulo

Por o 01/01/2015 | Sección: Espazo Ecosocialista,Política
Espazo Ecosocialista denuncia a campaña de acoso contra os preferentistas e amosa o apoio ao compañeiro Lois Baulo

Unha vez máis, o estado exerce a súa coacción sobre a disidencia, sobre a protesta lexítima, sobre a insubmisión cívica e pacífica, sobre a denuncia perante unha monumental e dolosa estafa como son as denominadas “preferentes” vendidas polas antigas caixas e que supuxeron a ruína para moitas familias do noso país.

Acusar e levar a xuízo, por suposta agresión contra dous policías, a unha persoa como luís Bahulo, cun 65% de discapacidade recoñecida debido a un accidente de moto, rozaría o esperpento de non for algo dramático e propio de rexímenes dictatoriais.

Esta só é unha mostra máis das decenas de multas que teñen recibido as persoas afectadas pola estafa das preferentes, nun miserable intento de calar as súas protestas que deixan en evidencia o que deu e ser unha das máis monumentais estafas das moitas que nos levaron a padecer a actual crise.

Agora son os preferentistas. Antes foron ecoloxistas, colectivos antidesfiuzamentos, asociacións veciñais e moitas outras persoas ás que as administracións gobernadas polo PP pretenderon borrar baixo o peso de multas por supostos delitos, agresións e coaccións.

Unha mostra máis das vellas formas represivas e antidemocráticas que aínda aniñan nese partido e que a aprobación da coñecida como “lei mordaza” pretende lexitimar, coa oposición de grande parte da sociedade civil.

Espazo Ecosocialista quere manifestar a súa solidariedade e apoio a Loís Baulo, militante deste partido, e a todas as persoas preferentistas que comparten con el a súa lexítima loita. Así mesmo, queremos facer extensible esta solidariedade e apoio a todos os colectivos que neste país denuncian, loitan e se resisten na defensa dos seus dereitos pisoteados.

Sabemos que este ano 2015 que entra será o inicio da fin deste réxime cuase dictatorial e da entrada de aire fresco e democrático nas institucións.

PRENSA ESPAZO ECOSOCIALISTA