ESPAZO-EQUO constitúese en Cooperativa Política Galega do Ecoloxismo Político e fai unha aposta clara por Mareas en Común

A cooperativa ecoloxista saúda os procesos de Unidos Podemos e das confluencias periféricas, solicita o voto para En Marea pero alerta contra a colonización dos partidos do espazo das mareas
Por o 30/05/2016 | Sección: EQUO,Espazo Ecosocialista,Política
ESPAZO-EQUO constitúese en Cooperativa Política Galega do Ecoloxismo Político e fai unha aposta clara por Mareas en Común

Un mes despois do proceso de confluencia posta en marcha pola Mesa Nacional de EQUO Galicia e o Consello Dinamizador de ESPAZO para avanzar na construción dun referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista, como parte do reagrupamento da esquerda galega renovadora do século XXI este sábado 28 de maio celebrouse en Santiago de Compostela a Asemblea Constituínte de ESPAZO-EQUO baixo o lema “reverdecer a esquerda, enraizando coa xente”.

Durante a mesma participaron 60 persoas afiliadas e simpatizantes de ambas formacións, que desde agora constitúese nunha Cooperativa Política Galega do Ecoloxismo Político, con formato legal de federación de partidos, que integra a 300 membros e 600 simpatizantes e que estará aberta á adhesión de persoas que non formen parte nin de ESPAZO nin de EQUO.
A asemblea ratificou por unanimidade o documento de confluencia entre as dúas forzas políticas asumindo que neste tempo o papel da política debe ser o da participación cidadá a titulo persoal “entendendo o papel dos partidos políticos como espazos para o acompañamento das activistas e de propostas de definición de relato e de liñas estratéxicas fronte ao compartimento estanco electoral competitivo propio da vella política.”

Ademais, ESPAZO-EQUO entende que “correspóndelle ás Mareas Municipalistas, agrupadas en MAREAS EN COMÚN, ser o elemento vertebrador do proceso da MAREA de carácter nitidamente cidadá que poida sumar ás forzas partidarias que deberán diluír a súa praxe para que non haxa ningunha dubida sobre o seu escrupuloso respecto ás decisións do colectivo común.”

Por iso, a nova forza “ apoia a iniciativa Marea Viva, proposta por MAREAS EN COMÚN, como único espazo de construción de unidade popular sustentada no principio de democracia radical de “unha persoa, un voto” en pé de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte e ao que se poden incorporar colectivos políticos e sociais.”

Con respecto a segunda volta das eleccións xerais do 26X a asemblea constituínte de ESPAZO-EQUO aprobou unha resolución; con 40 votos a favor, 1 en contra e 8 abstencións; na que se saúda como positivo a alianza para o estado entre Podemos, IU e EQUO, así como o resto das confluencias periféricas en Catalunya, Pais Valencia e Catalunya, e no caso galego pídese o voto para En Marea.

Non obstante ESPAZO-EQUO amosase moi crítico coa deriva de En Marea lamentando que “as forzas partidarias colonizaron o espazo de En Marea e apropiáronse do capital simbólico das Mareas e, en lugar de asentarse como un espazo transfronteirizo e plural, o ámbito de decisións quedou reducido aos tres partidos coligados e as mareas municipalistas relegadas a mera base militante.”

No aspecto orgánico a asemblea constituínte de ESPAZO-EQUO optou por constituírse como unha Cooperativa Política Galega, en formato legal de federación, como primeiro paso cara a unha posterior confluencia orgánica.

De feito, aínda que ESPAZO e EQUO Galicia seguirán tendo a súa actividade propia ceden á cooperativa todas as decisións referidos ao posicionamento na intervención política a nivel galego.

ESPAZO-EQUO aposta por construír un referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista, xunto ás mareas municipalistas e os movementos sociais, como parte do reagrupamento da esquerda galega renovadora do século XXI desde o soberanismo cívico, a sustentabilidade ambiental, a xustiza social global, a cultura da paz, os dereitos civís, lingua, cultura e patrimonio galego, e a radicalidade democrática e transparencia política.

A asemblea aprobou, tamén por unanimidade, a Comisión de Coordinación e Comunicación, así como a Mesa Nacional formada por 18 membros e encabezada polos co-portavoces Silvia Pinal e Manel Cardoso.

A Asemblea Constituínte de ESPAZO-EQUO aprobou tamén resolucións referidas a ao saneamento das rías, a Reganosa. á megaminería. á Lei de Solo e Montes, ao TTIP e ao CETA, ás persoas refuxiadas, ao feminicidio e as infraestruturas innecesarias.

A asemblea tamén foi un punto de encontro de voces a favor da confluencia política, entre elas o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, ou a senadora de En Comú Podem, María Freixanet. Unha delegación da mesa de dialogo de Mareas en Común formada por Mabela Portas e Sofia Abal tamén asistiron.
Na asemblea participaron os deputados provinciais da Marea Atlantica e de Compostela Aberta, Daniel Grandio e Manolo Dios, membros de ESPAZO-EQUO, así como diferente concelleiros da nova formación inscritos nas mareas municipalistas.

Entre as persoas de movementos sociais que saudaron na asemblea estaban Alfredo Pereira da Organización de Montes en Man Común, Inma Rua do SGEP, Manuel Martín de SOS Sanidade Pública, Luís Valcarcel de Europa Laica e Carlos Etchevarría do Foro OBenComún.

Da importante repercusión do acto, que foi retransmitido en streaming, cabe destacar o impacto nas redes sociais. Durante o transcurso da asemblea a conta twitter de @ESPAZO_gal recibiu 42.000 impacto, a conta @EQUOGalicia 49.000 e a conta da cooperativa @EspazoEquo recibiu máis de 122.000 impactos diferentes.