ESPAZO-EQUO fan un chamamento o 25 de xullo a construír un proxecto político cidadá desde a radicalidade democrática

O manifesto UNHA ONDA VERDE PARA DEFENDER A TERRA centrase na necesidade de abordar as axendas da xustiza social e ambiental
Por o 24/07/2016 | Sección: EQUO,Espazo Ecosocialista,Vigo
ESPAZO-EQUO fan un chamamento o 25 de xullo a construír un proxecto político cidadá desde a radicalidade democrática

A cooperativa ecoloxista ESPAZO-EQUO veñen de lanzar o manifesto UNHA ONDA VERDE PARA DEFENDER A TERRA coa que pretender enmarcar fixar a súa posición no 25 de Xullo e pensando na  axenda do curso próximo.

Para ESPAZO-EQUO, “atopámonos nun novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente e ao Ben Común.”

Segundo os ecoloxistas “o curso 2016-2017 vai a estar ligado ás eleccións autonómicas e, por isto, á posibilidade de construír unha alternativa encabezada polas Mareas ao goberno de Feijoo.” E tamén “vai amosar si, despois dun tempo suficiente de experimentación, as forzas de ruptura somos quen de vertebrar un proxecto político cidadanista sustentado nun novo relato de cambio democrático ligado a novas axendas, tal como fixemos nos concellos coas Mareas Municipalistas.”

Para ESPAZO-EQUO, como forza que se reclama do ecoloxismo político e do soberanismo cívico, “durante moitos anos a esquerda galega ten situado o 25 de xullo arredor de elementos identitarios illados das axendas sociais, ambientais ou democráticas concretas”.

“Para algúns o dereito a decidir se ten convertido nun concepto abstracto alleo ás demandas cidadás en lugar de ser a expresión da máxima radicalidade democrática.

Necesitamos ligar a política ás demandas das persoas é así facer que o soberanismo cívico sexa un elemento clave para o cambio.”

Para ESPAZO-EQUO faise necesario poñer as axendas da defensa do medio natural nun primeiro plano.

Parece que non se quere entender, segundo os ecoloxistas,  “que nos atopamos nunha crise sistémica: o modelo capitalista de crecemento infinito nun mundo limitado non é viábel. A superación do pico do petróleo, os efectos do cambio climático, un sistema agroindustrial destrutivo, a dificultade cada vez maior ao acceso a produtos alimentarios de calidade e o esgotamento das materias primas, obrígannos a unha reformulación radical da realidade mundial, e xa que logo, da galega.”

É imprescindíbel repensar a nosa sociedade en todos os seus ámbitos: o económico, o enerxético, o laboral, o social, o territorial, o alimentario… Debemos definir un horizonte de sustentabilidade ao que chegar: ver que precisamos e dotármonos dos medios para acadalo, repartindo de xeito equitativo os custos e os beneficios.

Porén “este cambio de paradigma é imposíbel”, segundo ESPAZO-EQUO, “sen unha participación social profunda tanto na súa definición coma no seu desenvolvemento.”

Por iso, “nun tempo de cambio e ás portas dunhas eleccións autonómicas centrais para o noso futuro, hai dous elementos centrais na nova Marea de cambio que estamos a construír para que esta sexa a súa vez unha verdadeira onda verde: a xustiza social e ambiental na vertente programática e a radicalidade cidadanista no seu construtor democrático”; conclue o manifesto dos ecoloxistas para o 25  de xullo.

TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO

Descargar (PDF, 80KB)