Espazo esixe a dimisión do conselleiro de Educación despois da sentencia do Supremo que anula as subvencións a centros que segregan por sexo

Publicado por o día 07/07/2014 na sección de Espazo Ecosocialista,Política

Espazo esixe a dimisión do conselleiro de Educación despois da sentencia do Supremo que anula as subvencións a centros que segregan por sexo

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, tería que dimitir por dignidade

  • Espazo Ecosocialista  saúda a decisión do Tribunal Supremo de anular as subvencións da Xunta de Galicia ós centros privados do Opus que segregan por sexo e felicita á CIG-Ensino pola súa iniciativa.
  • O máximo tribunal reproba a política de axudas públicas da Consellería de Educación.

  Espazo Ecosocialista Galego quere manifestar publicamente a súa satisfacción pola decisión inapelable do Tribunal Supremo de anular as axudas públicas que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia concedeu a cinco centros privados de titularidade do OPUS DEI contra a opinión unánime da comunidade educativa galega e dos órganos de participación da mesma.

En opinión de Espazo, “rectifica desta maneira o alto tribunal unha sentencia previa do TSXG que avalaba a financiación pública de centros educativos segregadores da coñecida como “educación diferenciada” e acepta a demanda interposta pola CIG Ensino en recurso de casación que impugnaba a Orde da Consellería do ano 2009”.

Espazo manifesta que o Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Abad,”si tivera un mínimo de dignidade, tería que ter presentada xa a súa dimisión, pois son xa demasiadas sentenzas as que impugnan as súas actuacións políticas nos últimos anos”.

A coñecida como “educación diferenciada”, unha teoría pedagóxica non demostrada, de aires profundamente elitistas e neoconservadores, estase a aplicar nalgúns ámbitos do mundo educativo anglosaxón, e establece unha coartada ideolóxica para discriminar ó alumnado, separalos por sexos, coa escusa dun mellor rendemento académico, esquecendo que unha das funcións básicas da educación é a socialización e a coeducación, a convivencia en igualdade, unha conquista democrática impulsada desde os movementos de renovación pedagóxica, superadora das etapas vividas e sufridas por varias xeracións durante a ditadura franquista e que separaba e discriminaba ó alumnado en razón do seu sexo.

Dende Espazo sinalan que “precisamente o que resultaba máis intolerable era a financiación pública -con diñeiro de todas e de todos- dun modelo educativo para uns poucos, moito máis grave aínda nun momento de fortes recortes no ensino público galego, tanto en profesorado como en recursos, á cabeza do conxunto do Estado”.

PRENSA ESPAZO ECOSOCIALISTA