Espazo mantén a súa aposta por AGE e comeza o seu labor para ás eleccións municipais

Publicado por o día 23/06/2014 na sección de AGE,Espazo Ecosocialista,Política

Espazo mantén a súa aposta por AGE e comeza o seu labor para ás eleccións municipais

 AGE por fin ten que ser a auténtica Fronte Ampla demandada pola cidadanía crítica galega

O Consello Aberto Nacional de Espazo valora moi positivamente  a elección de Lidia Senra como eurodeputada e a consolidación de AGE como terceira forza política, e considera imprescindible que a coalición aborde co urxencia os retos pendentes de renovación, transparencia e participación que foi deixando aparcados.

  Gran parte do debate do Consello Aberto Nacional de Espazo Ecosocialista adicouse a valorar o curso político, e en especial todo o proceso referido á participación de AGE nas eleccións europeas de maio pasado. En opinión de Espazo, os bos resultados obtidos coa elección de Lidia Senra e a consolidación de AGE como terceira forza política teñen que ser un estímulo para que se impulsen os procesos de artellamento, participación e transparencia que AGE ten pendentes como forza representativa da “nova política”.

AGE tamén ten a responsabilidade de abrirse e traballar conxuntamente con outras forzas políticas coas que se coincide en loitar por frear as políticas de austeridade rematando co “réxime do bipartidismo” PP-PSOE que as sustenta. O obxectivo dunha gran Fronte Ampla ten que alcanzarse, e AGE ten que ser unha peza central no seu desenvolvemento. Por todo iso, Espazo mantén a aposta estratéxica por AGE e porque esta funcione definitivamente como entidade propia e baixo os criterios da “nova política” na súa construción e estruturación orgánica.

O Consello Aberto Nacional de Espazo tamén aprobou as bases de traballo para preparar o próximo curso e as eleccións municipais do 2015. “Vanse a promover procesos abertos á participación da cidadanía tanto para a elaboración das propostas programáticas como para a elección das candidaturas e imos manter contactos con todas as forzas políticas que coincidan con esta formulación”, afirma Xoan Hermida, coordinador nacional de Espazo, que tamén sinala que “desde AGE deberíamos pornos xa a traballar cara a ese obxectivo”

Para Espazo as referencias de Alternativa Canguesa de Esquerdas (Cangas do Morrazo), Ames Novo (Ames) como forzas políticas creadas a partires da suma doutras forzas e da participación de persoas afíns son moi bos exemplos de como facer ben as cousas de cara ás vindeiras eleccións municipais. E tamén é moi boa referencia a de Alternativa dos Veciños (Oleiros) que goberna dende os anos 80 e que elixe as súas candidaturas mediante primarias abertas á cidadanía censada no concello.

Espazo vai celebrar no próximo outubro unha Conferencia Política sobre construción de alternativas nos concellos, na que se faga balance dos procesos abertos e fíxese a súa participación nas eleccións municipais.

 Para reforzar o seu equipo de coordinación nacional, o Consello de Espazo aprobou a incorporación ao mesmo de Xan Duro e de Bernardo Lorenzo, cunha importante e recoñecida traxectoria no ámbito ecoloxista e na actividade política en Ferrol, respectivamente.

PRENSA ESPAZO ECOSOCIALISTA