Afundación acollerá nas cidades de Vigo e Pontevedra o gran concerto de aninovo , Johann Strauss, da man da Strauss Festival Orchestra e a compañía, Strauss Festival Dance Ensemble. A actuación terá lugar mañá, no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) e pasado mañá, o 29, na Sede Afundación de Pontevedra (Augusto González Besada, 2-4), en ambos os casos, ás 20.30 h. O programa está inspirado na tradicional cita musical que cada ano se celebra en Viena e inclúe os títulos máis coñecidos do rei do valse: Napoleón, Festa das flores, O valse do emperador ou Champagne. Non faltará , tampouco, o valse máis soado de todos, O belo Danubio azul, nin a Marcha Radetzky que, compasada polas palmas do público, adoita pechar a velada. As entradas están dispoñibles a través das vías habituais de comercialización da entidade: mediante a web de www.Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.
O ESPECTÁCULO
Da man da Strauss Festival Orchestra e a Strauss Festival Dance Ensemble chega a produción más famosa de Europa, avalada por 26 anos de éxito e cinco millóns de espectadores en todo o mundo. Esta produción recibiu grandes ovacións nas grandes salas de toda Europa: no Musikverein de Viena, Concertgebouw de Amsterdam, a Philarmonie de Berlín, o Musikhalle de Hamburgo, o Auditorium Parco della Musica de Roma, o Gran Teatre del Liceu ou o Palau da Música de Barcelona, o Teatro Real e o Auditorio Nacional da Música de Madrid, entre outros.
O concerto é un dos eventos máis agardados da tempada musical, polo extraordinario clima festivo que o envolve e pola enorme participación dun público que, ano tras ano, enche as salas, un dos motivos polos cales as entradas se adoitan esgotar, xa que constitúen unha proposta de agasallo perfecta para o Nadal.
Noticias de última hora en Vigo