Especialistas afondan na figura de Carlos Casares como tradutor

Participaron no faladoiro Jesús Moinhos, Håkan Casares, Gustavo A. Garrido e Iolanda Galanes
Publicado por o día 17/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Especialistas afondan na figura de Carlos Casares como tradutor

Co título Vundita vento o filólogo vigués Jesús Moinhos acaba de publicar na editorial Espero -de Eslovaquia- a tradución a esperanto de Vento ferido (1967); a primeira obra de Carlos Casares (1941-2002). Esta tradución conta cun emotivo limiar de Håkan Casares Berg, fillo do autor, e cun estudo introdutorio de Iolanda Galanes, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Os tres participaron este xoves nunha mesa redonda na Facultade de Filoloxía e Tradución, un faladoiro ao que tamén se sumou Gustavo A. Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, e no que se afondou, cada un desde a súa propia perspectiva, no labor como tradutor dun dos autores máis polifacéticos da narrativa galega.

“Non creo que tivese unha vocación clara de tradutor, senón máis ben un sentimento de compromiso como militante cultural e lingüístico”, salientou no faladoiro Håkan Casares, quen achegou varias pinceladas biográficas que axudaron a entender a chegada e a implicación do autor co mundo da tradución. “Eu non sei se el tiña esa vocación de tradutor, pero o que está claro é que pensaba que iso era fundamental, sobre todo nun momento, anos 60 e 70, no que a cultura galega estaba aínda entrando nunha certa modernidade e carecía dun corpus literario de traducións mínimo”, explicou no faladoiro, ao que engadiu que nese momento é cando o autor toma consciencia de que algunhas cousas “se non as fai el, simplemente non se fan”. Esta situación foi a que motivou que comezase a traducir algunhas obras, sobre todo libros sinxelos moi pensados para o público infantil e xuvenil, como O principiño de Antoine de St-Exupéry, ou Os escaravellos de María Gripe.

Casares Berg: “O seu compromiso coa tradución quedou claro”

“Nos traballos de tradución que eu puiden vivir ao seu lado vino moi entusiasmo e moi divertido, implicándonos incluso a min e a meu irmán axudándolle a traducir algún deses traballos, sobre todo do inglés”, recalcou Casares Berg, quen lembrou tamén a época de seu pai como editor na editorial Galaxia, anos nos que puxo moito empeño na promoción da tradución. “Para el era fundamental que en galego houbera un corpus das grandes obras da literatura universal traducidas ao galego”, salientou o seu fillo, ao que engadiu tamén que a isto se sumou logo certa labor de tradución do galego a outras linguas, sobre todo ao castelán. “O seu compromiso coa tradución quedou claro e estou seguro que,  coma a calquera outro escritor, aínda que fose unha persoa modesta, encheríao de orgullo ver a súa obra traducida a outras linguas, incluído o esperanto, pois ao final o que quere un escritor é que o lean”, apuntou Casares Berg.

Trasladando a unha lingua universal a realidade silenciada da posguerra galega

Vento ferido (1967) é a primeira obra narrativa publicada en formato libro de Carlos Casares. O seu impacto no sistema literario galego da época foi importante, como tamén o foi o seu percurso internacional posterior, principalmente nas traducións a diversas linguas dalgúns dos seus relatos. “O propio autor, convertido en autotradutor ao español, volveu sobre ela en varias ocasións, e foina modelando e engadindo novos relatos antes do seu pasamento”, explicou Iolanda Galanes, quen resaltou a importancia desta nova tradución ao esperanto da pluma do tradutor Jesus Moinhos, quen aproveitou a súa presenza na FFT para facer unha introdución a esta lingua. “Transvasar unha obra ambientada na posguerra en Galicia a unha lingua universal medio século despois supón un reto tradutolóxico que merece atención en ámbito académico”, recalcou Galanes. Para conseguilo o autor salientou como contou en todo momento coa colaboración da Fundación Casares quen, ademais de ceder os dereitos para esta edición, facilitoulle o acceso a esclarecedores manuscritos do autor, así como a traducións publicadas noutras linguas.

“Esta obra é unha colección de 12 relatos nos que imperan temas como a decepción na confrontación coa realidade, a soidade, a represión ou a violencia”, lembrou Galanes, ao tempo que fixo fincapé en que estes relatos son “a denuncia dunha realidade silenciada, un retrato sentimental da Galiza do século XX trazado con mestría e sinxeleza”. Agora, coa publicación de Vundita vento, “Jesús Moinhos contribúe a difundir internacionalmente unha obra, pero tamén un país, unha lingua, unha cultura, un autor e unha época”.