Especialistas de diferentes ámbitos traballan nunha guía para a xestión da ruptura de parellas con fillos

Coa presencia de representantes dos ámbitos da xustiza, a psicoloxía ou a educación
Publicado por o día 13/12/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Especialistas de diferentes ámbitos traballan nunha guía para a xestión da ruptura de parellas con fillos

Polas consecuencias que en materia de saúde pode ter para os nenos e nenas, a mala xestión dunha separación ou divorcio constitúe “un problema de Estado”, defende a catedrática de Psicoloxía Xurídica e do Menor da Universidade de Vigo Francisca Fariña, coordinadora, xunto ao maxistrado da Audiencia Provincial de Barcelona e profesor da Universitat Pompeu Fabra Pascual Ortuño dos traballos para a elaboración do Libro Blanco para a xestión positiva da ruptura de parellas con fillos. Uns traballos que este xoves reuniron na Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra preto de 20 especialistas e profesionais de ámbitos como a xudicatura e o dereito, a psicoloxía e a educación, que desde 2017 traballan na elaboración desta guía de referencia que, sinalan os seus responsables, “pretende cubrir a necesidade de buscar solucións ás traxedias que viven tantos menores cando os seus proxenitores se separan”, avogando por unha “xestión positiva” desta ruptura desde unha perspectiva multidisciplinar e desde o “paradigma da xustiza terapéutica”.

O fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; a presidenta da Asociación Española de Avogados de Familia (Aeafa), María Dolores Lozano; a profesora da Universidade de Santiago de Compostela e presidenta da Sección de Psicoloxía Xurídica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mercedes Novo; o catedrático da USC Ramón Arce; a presidenta de honra da Asociación Española de Psiquiatría del Niño y del Adolescente (Aepnya), María Jesús Mardomingo, ou o catedrático da Autónoma de Barcelona Lluis Falquer son algúns dos expertos e expertas participantes nunha xornada de traballo dirixida a avanzar na definición deste libro co obxectivo de que este poida ver a luz ao longo de 2019, como apuntou Fariña.

Múltiples efectos adversos

Na inauguración desta II Xornada do Libro Blanco para a xestión positiva da ruptura de parellas con filos, organizada polo grupo de investigación PS1, os e as participantes naxuntanza estiveron acompañados polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e pola subdirectora da Escola de Enfermaría, Paz Diéguez, quen sinalou que para este centro adscrito á Universidade de Vigo “é un orgullo poder colaborar con este proxecto”. Soto, pola súa banda, quixo pór sobre a mesa que este encontro ía abordar “unha cuestión que nos compete a todos e todas”, poñendo sobre a mesa unha serie de datos extraídos dun estudo publicado en 2016 por Fariña, Arce, Novo e as investigadoras Tania Corrás e Dolores Seijo. Estudo que situaba nun 43% o incremento da probabilidade de verse expostos a violencia de xénero nos nenos e nenas afectados por un proceso de separación, entre os que aumentaba tamén nun 34% a probabilidade de caer baixo o limiar da pobreza, á vez que se incrementaba en máis dun 20% a sintomatoloxía clínica e en preto dun 34% os efectos desta ruptura nas dúas destrezas cognitivas, sociais e académicas.

“Sen dúbida, as consecuencias dun divorcio poden ser graves, podendo nalgúns casos permanecer ata a vida a adulta”, engadiu Fariña do que constitúe un “problema multidisciplinar”, xa que, como se sinala no texto de presentación das xornadas “a literatura científica evidenciou” que estes procesos de separación poden afectar aos e ás menores en “diferentes ámbitos da súa vida”. Mais ao mesmo tempo, este documento tamén pon de relevo que unha ruptura de parella “non ten indefectiblemente que causar afectación negativa a medio e longo prazo, nin nos fillos nin no resto dos membros da familia”, senón que esta dependerá de como se xestione. Ámbito no que centra os seus esforzos este grupo de traballo interdisciplinar xa que “os problemas que teñen as familias e os nenos non son problemas que se poidan diseccionar e verse desde unha área concreta, son problemas poliédricos”, como lembrou Pascual Ortuño na inauguración deste encontro, na que tamén puxo de relevo a traxectoria da Universidade de Vigo nos ámbitos do dereito de familia, a mediación ou a psicoloxía xurídica.

Un traballo en equipo con enfoque multidisciplinar

Trala celebración, o pasado ano, dunha primeira xornada de traballo en Santiago de Compostela, este segundo encontro tiña como obxecto a abordaxe conxunta dos traballos que desde entón se viñeron desenvolvendo nas tres áreas que abrangue este proxecto, a xurídica, coordinada por Pascual Ortuño; a centrada no ámbito da saúde, a cargo de Dolores Seijo, e centrada na educación e as ciencias sociais que coordina Lluis Flaquer. Áreas que deron pé á súa vez, explica Fariña, á creación de “diferentes subáreas”, que neste encontro levaron a unha posta en común co propósito de que o traballo final “sexa máis que a suma das súas das partes, e iso só se logra a través do traballo en equipo”.

Nese senso, a catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte salienta o positivo de reunir neste equipo “expertos de tantas disciplinas, ademais tan recoñecidos a nivel estatal e internacionalmente”. Desde a constitución do grupo de traballo, sinala Fariña, realizáronse diferentes actividades, como presentación en congresos, “centradas na necesidade de desenvolver propostas multidisciplinares para resolver” este “problema de Estado e promover a parentalidade positiva, “descoñecida hai un par de anos pola maioría dos profesionais e académicos”. Así mesmo, leváronse a cabo accións formativas no Consejo General del Poder Judicial, obtendo o “apoio de maxistrados e do propio CGPJ para promover un Libro Blanco”.

De aí que Fariña poña de relevo que se conta xa “cunha sólida base” para elaborar este libro, propósito central dunha xornada de traballo que se completa, esta tarde, coa celebración dun coloquio aberto ao público sobre a xestión da ruptura de parellas con fillos, que, baixo a coordinación de Juan Carlos Aladro, contará coas intervencións de Pascual Ortuño, Lluis Flaquer, María Jesús Mardomingo, Mercedes Soto e a avogada especialista en Dereito de Familia María del Pilar Tintoré.